fbpx
Mina de Meirama / foto LMLM CCBy Wikimedia

Pecha a central de Meirama, que desencadeou a loita das Encrobas

Tempo de lectura: 3 min.

O pé do canón dun fusil empuñado por un Garda Civil vestido con tricornio e capa, un grupo de mulleres labregas, paraugas en man, protestan sen medo por conservar a  súa terra, da que viven. Esa é a imaxe dunha loita que tiña enfronte a un réxime totalitario e unha eléctrica en connivencia para crear unha das maiores minas a ceo aberto de toda España.

Esta foi a loita das Encrobas, un dos episodios de resistencia máis importantes da Galicia rural contra os abusos da empresa eléctrica. Hoxe en mans de Naturgy, a outrora compañía de Barrié de la Maza quixo expropiar os terreos de labradores para crear unha gran mina de lignitos cunha moderna central térmica. Para iso precisaba expulsar a baixo custe os habitantes do lugar, que non quedaron calados.

Moncho Valcarce na súa igrexa / Irmandade Moncho Valcarce

Moncho Valcarce na súa igrexa / Irmandade Moncho Valcarce

Tras 40 anos de actividade

Mais o pasado día 30 de xuño, a central térmica de Meirama cerraba definitivamente. Facíao tras 40 anos de actividade, deixando tras de si  unha potencia de produción de 563 MW, ó redor de 150 empregos e un 8% da contaminación de Galicia. Pechaba tamén deixando unha gran lagoa artificial no lugar onde ata non fai moito estivo a mina, esgotada en  2008.

A entrada en vigor da nova directiva europea de emisión industriais obrigou dende o pasado 30 de xuño ó peche desta central térmica así como doutras en España. A das Pontes, que multiplica case 5 veces a súa produción, pechará tamén o vindeiro ano 2021, sendo tras o peche de Meirama, a única térmica en funcionamento en Galicia.

Central de Meirama / foto Pilar PonteCCBy Wikimedia

Do lignito á hulla americana

Aínda que o proxecto e a loita comezou en 1976, a central púxose finalmente en marcha en 1980, cun orzamento de 60.000 millóns de pesetas. Durante moitos anos a central funcionou co lignito do mesmo lugar, ata o esgotamento do xacemento ó redor do ano 2008. Dende aquela tivo que transformarse para a combustión de hulla bituminosa.

A partir de aquel momento, este novo tipo de carbón tivo que ser exportado dende Wyoming nos Estados Unidos ata o porto da Coruña. Alí, durante moitos anos, se almacenou ó aire libre, creando graves problemas ós veciños de Os Castros, para o que se construíu, tempo despois, o silo chamado A Medusa, do arquitecto César Portela. Despois era transportado en tren ata o concello de Cerceda, ó pé da central.

Mina de Meirama / foto LMLM CCBy Wikimedia

Estímase que a central xerou unha media de 2.941.000 Mwh e para o seu funcionamento constaba, ademais da nave de combustión e turbinas, de dúas grandes chemineas, unha de refrixeración e outra de evacuación de fumes que chega ós 200 m. de altura. Ó seu peche estímase que a mina chegou a producir ó redor de 93 millóns de toneladas de lignito. Pola súa banda a térmica tería  producido máis de 80 millóns de MWh.

Un futuro incerto para a planta

Mais, aínda que a loita das Encrobas acabou cos propietarios fora dos terreos si é certo que as súas reivindicacións si tiveron un certo éxito chegando a conseguir un prezo bastante máis alto que o que orixinalmente se propoñía para as expropiacións. Tamén tivo consecuencias no emprego, xa que despois das protestas por primeira vez a compañía puso os ollos na contratación de operarios do lugar.

Segundo a negociación co Estado prevese que agora Naturgy leve a diante diversas inversións no lugar no marco dun proceso de transición ecolóxica na comarca. Para moitos o peche podería ser unha oportunidade para abrir novas oportunidades industriais ou mesmo ecolóxicas para o lugar, xa que a xunta xeral de accionistas comprometeuse xa fai tempo a buscar alternativas para os terreos da planta.

 

Pode que che interese...