Vimianzo amosará de balde todo o seu patrimonio este verán
O Concello de Vimianzo quere dar a coñecer todo o seu excepcional e rico patrimonio cultural este verán. Farao con actividades turísticas para os meses de xullo e agosto, no que se segue a traxectoria iniciada pola anterior corporación, aumentando agora o número de frecuencias, actividades e de persoal.
Trátase de posicionar o seu destino como unha referencia dentro do turismo cultural galego. Pois se xa en anos anteriores era habitual atopar visitas guiadas de balde ao castelo, ó Castro das Barreiras ou ós Batáns e Muíños do Mosquetín, este ano ampliaranse tamén ó dolmen de Pedra Cuberta, ó porto de Cereixo, á propia vila, así como un roteiro polas súas parroquias.
Entre as actividades destaca a visita teatralizada a conta da compañía Os Quinquilláns, que xa actuaron no castelo en anos anteriores. Todos os domingos destes dous meses representarán ás 12.30 e ás 17 a súa particular teatralización da historia do castelo. Tamén se amplía a frecuencia das visitas guiadas ó castelo 11, ás 13, ás 17 e ás 19. Todas as actividades son gratuítas pero requiren inscrición previa.