fbpx
Torre atopada no exterior do castro do Sarridal, en Cedeira / Concello de Cedeira

Atopan unha torre exterior á muralla no castro do Sarridal, en Cedeira

Tempo de lectura: 2 min.

O castro do Sarridal de Cedeira volve sorprender aos expertos tanto pola súa singularidade construtiva como polos segredos que aínda esconde. O último é unha moeda romana, realizada en bronce, e moi posiblemente do século I D. C. O proceso de restauración ao que está a ser sometida verificará ou arroxará novos datos sobre a ocupación dun asentamento de orixe castrexa.

En canto á construción, o arqueólogo e director da sexta campaña de escavacións no xacemento xa finalizada, Emilio Ramil, apuntou que “non é nada habitual atopar nunha edificación destas características unha torre exterior á muralla sobre o foxo”. Esta singularidade obedece, segundo Ramil, á necesidade de reforzar o sistema defensivo do castro. Os traballos tamén deron como resultado a recuperación integral do torre -cuxa forma finalmente resultou ser ovalada e non rectangular como se apuntou inicialmente- ademais de traballos no bastión, na muralla e no lousado exterior da antecámara.

Moeda romana atopada nos traballos arqueolóxicos do Castro do Sarridal, en Cedeira / Concello de Cedeira

Nun comunicado enviado polo concello, o alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, considerou que “seguramente aínda nós están a esperar moitos máis secretos nun xacemento que virá completar a historia da localidade e no que xa foi atopada a quinta pedra formosa localizada en Galicia”.

Neste sentido, o rexedor municipal adiantou que a actuación que acaba de finalizar e que estivo financiada polo Concello terá continuidade en próximas datas cunha nova intervención que, neste caso, será asumida pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e cuxo custo é moi similar ao destinado polo Concello, uns 15.000 euros. Con cargo a esta nova intervención levarán a cabo tarefas de consolidación das estruturas que saíron á luz con motivo dos traballos executados na que xa foi a sexta campaña de escavación levada a cabo no castro do Sarridal.

Pode que che interese...