fbpx
Casa de labranza onde se situaba o antigo hospital de peregrinos de Freixeiro, en Santa Comba

Descobren un hospital de peregrinos do XVI en Santa Comba construído nunha antiga vía romana

Tempo de lectura: 3 min.

O xornal dixital das terras do Xallas e costa da Morte, Adiante Galicia, reportaba hai uns meses a existencia dun antigo hospital de peregrinos no lugar de Carboeiro, parroquia de Freixeiro, concello de Santa Comba: “A parroquia de Freixeiro en Santa Comba contaba no século XVI cun hospital de peregrinos nun camiño xacobeo”. “Fai anos aínda se podía ver a carón da casa de labranza unha casona vella e derruída capaz para dez persoas coñecida na localidade como o hospitalillo”.

O devandito hospital foi fundado en torno ó ano 1591 polo clérigo local Gregorio Gardado. A mediados do século XX o estudoso e investigador José Couselo daba a noticia nun artigo do xornal El Eco de Santiago da existencia deste hospicio e falaba tamén da existencia dun camiño de peregrinación xalleiro: “José Couselo Bouzas en El Eco de Santiago fala da existencia dunha nova vía por onde os peregrinos afluían a nosa cidade. Trátase dun hospital de peregrinos que existía en terras de Xallas, o cal se conservaba todavía fai moi pouco tempo co nome do hospitalillo”. “Atópase no lugar de Carboeiro, parroquia de San Fiz de Freixeiro, anexo de Vilamaior. Couselo lembra no seu artigo que se derrubou fai uns anos parte desta obra histórico-arqueolóxica para construír cos seus elementos unha casa para morada e habitación dunha familia labradora. Na obra destruída apareceu unha lápida pertencente a un esquinal, con dúas caras correspondentes a cada un dos lenzos da parede, unidos formando ángulo. É, xa que logo, a lápida a maneira dun díptico aberto ata formar ángulo recto”.

Esta “lápida” é o único vestixio que se conserva do antigo albergue de peregrinos de Carboeiro no esquinal da actual casa de labradores: “Nun dos lados deste díptico vese unha figura dun home cun aparello de traballo, adornada por tres lados, superior e laterais, cunha orla coa seguinte inscrición en latín: “in sudore…” e na parte inferior outra inscrición que di: “Gardado canonicus compostelanus erexit 159…”. No outro lado do díptico obsérvase unha imaxe da Virxe, en torno a cal se lee tamén en latín: “Delparae Virgini dicat egentibus et peregrinis refugium”, con orla exterior polos catro lados. A tradución final viña sendo: Gardado, cóengo compostelán, construíu no ano 159…esta casa refuxio adicada ós necesitados e peregrinos baixo a protección da Virxe María. Couselo salienta que nela expresa o benefactor todo o fin e obxecto da obra. Na inscrición do lado esquerdo lese: “coa súor (da túa fronte gañarás o pan) con carácter alegórico”.

Recreación da pedra do esquinal do antigo hospital que aínda se conserva / adiante Galicia

O fundador do hospital de peregrinos de Freixeiro, don Gregorio Guardado, aparece nas actas capitulares compostelanas na data precisa do 19 de decembro de 1591 e así ata o ano 1597, posible data da súa morte ou pasamento. “Gardado busca a localización dun hostal porque hai unha necesidade, ábrese nunha ruta de paso de peregrinos, nunha ruta que dende o norte chega a Compostela, e nas proximidades do santuario mariano xalleiro da Virxe de Vilamaior, a onde aínda hoxe acoden centos de romeiros”. José Couselo no seu artigo opina que o cóengo “buscou para lugar de posición da súa benéfica obra, a vía romana que partindo de Santiago, pola parroquia da Peregrina, Ponte Alvar, Rial e Carboeiro (Freixeiro) enlazaba coa de Betanzos que viña ó mar de Arousa, atravesando a comarca de Santa Comba”. Pese á lea viaria que se montou José Couselo na súa cabeza, hoxe sabemos que esta vía romana, posteriormente camiño real, comunicaba a cidade de Santiago de Compostela cos portos mariñeiros de Ponteceso e Malpica. Esta importante vía de comunicación daba servicio ao porto de Malpica a través de Buño e a Pontedona e tamén ao porto de Ponteceso polo camiño que pasaba a carón da torre da Penela, San Martiño de Riobó e a fortaleza de Ferreira-Agualada en Coristanco, para unirse ámbolos dous camiños no lugar de Castrís, onde se situaba outro hospital: “A torre de Xallas de Castrís era xurisdición do arcebispado compostelano. Ó seu carón había outro hospital, cuxo topónimo perdura no camiño ao castelo de Ferreira e ao mosteiro de Seavia”. Continúa o camiño por Freixeiro de Santa Comba ata chegar a ponte de Portomouro. Dende alí, por Ames, Augapasada, Ponte Sarela, Cruceiro do Gaio e rúa de Hortas, se chega a praza do Obradoiro.

FONTE: RAFAEL LEMA: “El Hospital de peregrinos de Freixeiro y el Camino Inglés a la Terra de Xallas”. Xornal dixital Adiante Galicia. 20 de Marzo de 2020.

Pode que che interese...