fbpx
Detalle da Ofelia aldeá. 1922. Juán Luís. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 79 x 167 cm. Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid.

Galicia, retratando un País de Fadas

Tempo de lectura: 6 min.

Tempo a, en Buenos Aires, onde Seoane facía o seu programa radiofónico Galicia Emigrante, un dos temas adicados polo artista para falar foi a riqueza en figuras encantadas e a sua tradición cultural. I, en particular, centrouse sobre o seu estudo e representación. As fadas galegas, título que Seoane lle puxo a este contido , supón tamén unha reflexión sobre o tratamento que se lle deu a esta temática. Varios parágrafos indican o valor que as figuras encantadas danlle a cultura de un pobo. Os contos de fadas e os relatos fantásticos hoxe cobran interese polo que permiten de fantasía, de novas imaxes. Os seus grandes precedentes -as pinturas e as fotografías prerrafaelitas, a danza rusa e a pintura nazarena alemana- puxeron os alicerces para esa fantasía. Por suposto estas son imaxes que pertencen a sua época pero na actualidade seguen a mantener -e mesmo exercer- o mesmo e singular poder de evocación coa que naceron. E isto débese, precisamente, porque responden ao espírito das xentes coas que conviviron durante séculos.

O home-lobo. Dez xilografías orixinais. 1965. Luís Seoane.Técnica: Gravado en madeira sobre papel. Medidas: 39 x 26 cm. Fundación Luís Seoane, A Coruña.

O mesmo sucede na arte galega. As fadas galegas apareceu o 12 de Xulio de 1959. Era esta unha época na cal os contos máxicos deixaran de ter pulo? En absoluto. De botar un ollo ao cinema da época veríase que seguían mais que vixentes -cómo esquecer Brancaneves (1937), Fantasía (1940), A Cincenta (1950) ou A Bela Durminte (1959) de Walt Disney, por non falar das mais recentes como Maléfica (2014) e Maléfica, Señora do Mal (2019)-. Pero se ben estas películas en grande medidas bebían visualmente dos gravados e da pintura barroca, rococó ou romántica europea, Seoane tiña en mente o imaxinario que nacera na propia arte galega. Resultaba un tema recoñecible porque na arte e literatura galega recollérase de forma nova toda a tradición de seres fantásticos que foran transmitíndose de xeración en xeración. Tal é así que apunta:

En Galicia véñense transmitíndose oralmente dende épocas remotas e, dende o século pasado, os eruditos galegos recóllenas en breves estudios monográficos, sin que deica agora se tivese realizado, que seipamos, un estudio definitivo sobre este aspecto do folklore. Mais Galicia, un dos fisterre de Europa, é, ademais, unha das patrias europeas das fadas. Dudamos que en poucas partes se conserven e vivan no corazón do pobo tal cantidade de elas.

En efecto: varias personalidades da Historia e da Literatura recolleron estes relatos á maneira europea. E isto, a vez, tivo o seu paralelismo na arte galega. Do século XIX Seoane destaca a Eduardo Pondal, e moi especialmente, a sua introducción para Queixumes dos Pinos (1886). Dos anos 20 cita dous nomes esenciais para isto: Vicente Risco e Florentino López Cuevillas. O primeiro recollendo os relatos e facendo literatura con eles. O segundo con libros como La civilización céltica en Galicia (1953), na cal ensire as historias e seres que viñan de lonxe. De seguir no mesmo vieiro, e por sumar un nome mais as referencias de Seoane, engadiríase a Ramón Cabanillas e o seu Ciclo Artúrico en Da noite estrelecida (1926). A beleza destas tradicións deu lugar a unha maior consideracións e coñecemento das mesmas, impulsada pola divulgación. Por exemplo en A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), Risco fai unha cumprida descripción da marabillosa moura que os protagonistas atopan no fondo dun bosque. (A Natureza ocupa un lugar importante nos relatos sobre seres encantados). A Moura está sentada nunha pedra. É dunha pel pálida, vestindo de forma espléndida con ouro e mais seda. Os seus ollos son escuros e brillantes, acompañando os beizos vermellos. Pero o mais impresionante é o seu cabelo, que peina cun pente de ouro. Os mechóns, dunha tonalidade azul, caen por ela cubrindoa coas suas formas onduladas igual que as ondas dun río. Unha personaxe que estudaría xunto con outras semellantes, tal como aparece no seu ensaio Razas míticas e mouros encantados e que quedarían reflectidos nas súas obras publicadas. Qué mente non esperta e abre ás áas fortalecéndose ante extraordinarios prototipos, tan identificables, tan humanos e dunha impoñente personalidade a vez?

Ofelia aldeá. 1922. Juán Luís. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 79 x 167 cm. Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid.

Ecos destes relatos vense nas seguintes verbas do Seoane a propósito do tema: “Vellas”, “mouras”, “fadas”, “princesas”, “Xacios”, “xanas”, “encantos”, etc. Aínda se esconden nas nacentes de auga, peitean os seus cabelos con con peites de ouro na noite de San Xoán, moran nalgún río frente a un antergo castelo, ou fan brotar a auga dalgún penedo, ao pé dun dolmen ou dun castro”. Se o público lector sentíase inspirado polos relatos populares, recreados por escritores, qué dicir dos artistas? Xa na Inglaterra victoriana artistas como William Morris, Alfred Edouard Chalon ou Edwin Landseer representaran as heroínas e héroes dos relatos artúricos e da pescuda do Grial, as incandescentes fadas representadas nos ballets románticos ou os seres formidables que habitaban nas obras de William Shakespeare, como a Titania do Sono dunha noite de verán (1595). Non é posible ter idea do moitisimo que este movemento significou para a cultura británica, como tamén para tódalas europeas, porque viñan e continúan a dar unha imaxe pedagóxica a tódolos efectos: unha forma de estar e actuar no mundo sendo un mesmo. Na Galicia da Xeración Nós, o efecto que tivo a laboura de persoeiros como Cuevillas era (i é) galvanizante, porque xunto con eles foron os nomes de artistas que plasmaron lendas, tradicións e mesmo crearon prototipos tan impresionantes como os que sucedíanse en Europa.

Tríptico do Cabaleiro do Santo Graal. 1921-1923. Camilo Díaz Baliño.Colección privada.

Foron moitos artistas notables os que adicáronse a representar con estilo o evocador. Os nomes principais son os seguintes:  Camilo Díaz Baliño -o caso da épica e metafórica obra O Cabaleiro do San Graal (1921-1923)-, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao –Un ollo de vidro (1922)-, Juán Luís coa sua marabillosa, e moi significativa, Ofelia aldeá (1922) e Francisco Asorey coa súa monstroloxía escultórica ata 1935. Se a Ofelia aldeá é a resposta galega a Ofelia (1852) de John Everett Millais, con influencias do paisaxismo flamenco de Jan Van Eyck, Pieter Brueghel ou Joachim Patinir, Asorey fixo toda unha recreación da calidade plástica das criaturas fantásticas esculpidas nos capiteis e arcos románicos. Vivindo en Santiago sobre todo fixouse na escultura do Mestre Mateo e as composicións dinámicas da arquitectura de Simón Rodríguez de Castroverde.

Fora en petadores para portas ou para monumentos, os monstros de Asorey conteñen moito da fascinación polos seres excepcionais que tanto criticaba de forma ambigua San Bernardo na Apologia ad Guillelmum no século XII. Pero tamén é certo que Asorey, ao igual que Castelao e moitos outros coetáneos, tamén sabían da significación que podían proxectar. De volver a ler a revista Nós, un gravado como o de Castro Gil lanzado no número 15 (1 de Xaneiro de 1923) ou as Cousas de Castelao (véxase a ilustración para Galicia publicada o 13 de Xulio de 1926), vese que existe unha identificación entre os elementos mais distorsionados e o caciquismo. Algo que vese reflectido no Monumento a Curros Enríquez (1928-1934), no cal as gárgolas situadas na base representan o Mal que pesa na sociedade galega e que é apresado polo bardo baixo a sua lira.

As fadas do caricol. 1935. Dolores Díaz Baliño.Técnica: Acuarela. Soporte: Pergamiño. Medidas: 26,5 x 35,8 cm. Museo de Belas Artes da Coruña.

Membros dos Renovadores continuaron con todo este imaxinario. A realidade da mitoloxía a miúdo serve como un catalizador da propia Realidade, e artistas como Colmeiro ou Arturo Souto son un referente disto. Pero os mais sobresaíntes dos temas cultivados na década dos 20 e 30 foron Urbano Lugrís e Laxeiro. Neles influíu tamén a atmosfera da literatura, da Historia, das celebracións, sendo capaces de captar o pouso do seu espíritu e que daba un rostro co que ollar o mundo. Foi isto o que vivificou as suas distintivas linguaxes visuais. Ademais deles existen mais nomes de peso, como Dolores Díaz Baliño coas suas ilustracións de fadas. “Si a este país -di Seoane- faltoulle ate a data uns irmáns Grimm, ou un Andersen, que fixesen con elas definitivas obras literarias, eso non quer decir que non estén presentes  no corazón dos galegos e que non estén polo tanto na capacidade de ensoño que aportan a América”. O propio Seoane levaría este ideal nos gravados Ofelia (1959), Ofelia en Elsinor (1960), Sacerdotisa de escuros agoiros (1962) ou as Dez xilografías orixinais (1965). El -que ilustrara a sua propia versión de Os Queixumes dos Pinos– recolleu o propio da grande alma de Pondal, a quen se lle debe agradecer que plasmara líricamente o retrato que inmortalizou a beleza e o poder ilimitado das nosas fadas para sempre:

Fada garrida de leves alas,

Que leda voas

No doce abril;

Rompendo a brétema,

Con lindas galas,

Desconocida, presta e gentil:

(…)

E m´apreixando,

Dos teus garridos,

Graciosos velos de ledo tul,

Nos perderémos,

Do van collidos,

Dos patrios ceos no brando azul.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...