O chamado castelo de Arnado en Valdeorras estrea propietario, proxecto e futura rehabilitación
A quinta, pazo ou residencia rural chamada castelo de Arnado é unha edificación que emulaba unha fortificación medieval. Foi edificado no último terzo do século XIX por Pedro Sanjurjo Flórez, levantado nos terreos do priorato bieito de Santurxo, pertencente ó mosteiro de San Pedro de Montes do Bierzo e mercados ós marqueses de Vilagarcía.
Mais as obras iniciadas na última década do século XIX non foron nunca terminadas, pois Sanjurjo morreu en 1920 coa obra sen rematar. O obxectivo do seu propietario era emular a edificación dun pazo ou dun castelo, un edificio a medio camiño entre a arquitectura defensiva e residencial doutras épocas da nosa historia, contando con torres galerías e parte dun posible xardín.

O chamdao Castelo de Arnado / foto Estevoaei CCBy Wikimedia
Unha gran bodega
A quinta, que consta tan só coa protección xenérica, foi mercada tras a morte de Sanjurjo pola familia Iglesias Naya, quen a mantivo en pé pero sen rematar ata o ano 2016, no que saíu á venta. Dende aquela houbo varios proxectos para convertelo nun ben público, como un xeriátrico, ou para convertelo nun espazo de hostalería.
Agora unha publicación de Valdeorras recolle que o edificio foi mercado pola familia Roandi, propietaria de varias bodegas, para convertelo no sinal de identidade dunha gran explotación vitivinícola. Dende a familia declaran ó medio tamén a súa intención de rehabilitar o edificio, así como a posibilidade de empregalo posiblemente tamén como hospedaxe.
Unha futura rehabilitación minuciosa
O obxectivo é dar unha nova imaxe á bodega e proxectala a través da fortaleza. A quinta, ademais dunha vivenda anexa á fortaleza, máis antiga que esta, ten ademais 400.000 metros cadrados de terreos anexos, que a familia quere empregar para plantar vides. Serán variedades de Valdeorras, como Godello e Mencía.

O chamdao Castelo de Arnado / foto Estevoaei CCBy Wikimedia
O proxecto contempla tamén a rehabilitación do histórico edificio, dentro dunha intervención xeral que podería chegar ós 7 millóns de euros de investimento en conxunto. Segundo os propietarios as obras comezaranse ó redor de en dous anos vista, prevendo facer un concurso públicos para a rehabilitación. A compra e futuros plans xa contarían co apoio das alcaldías de Vilamartín de Valdeorras, onde se atopa a quinta, e O Barco, ata onde chega a súa extensión.