O xacemento de Valencia do Sil, gran fortaleza sueva ou cidade tardorromana?
Dende o vindeiro martes 1 ata o venres 18 de setembro terá lugar a nova campaña de escavacións no xacemento arqueolóxico de O Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras, Ourense). Esta campaña retomará os traballos iniciados no 2019 polo equipo de investigación Sputnik Labrego, que escavou o que interpretou como un espazo produtivo de forxa de ferro datado entre os séculos IV-V d.C.
Sen embargo, abríronse moitas outras preguntas que o equipo tratará de responder cos traballos deste ano. “Espuxemos obxectivos máis ambiciosos nesta campaña, que inclúen escavar en distintos sectores do xacemento para dar reposta a algunhas cuestións: Existiu unha ocupación anterior á época tardorromana no xacemento? O que interpretamos como unha forxa de ferro é un edificio illado ou forma parte de todo o barrio dedicado á produción de metais?. Estas son algunhas das preguntas que esperamos resolver neste ano, e que permitirán poñer en valor con datos científicos un xacemento que xa sabemos que é único”, comenta Carlos Tejerizo, director da intervención.

Escavación en Valencia do Sil / Sputnik Labrego
A escavación está apoiada polo concello de Vilamartín de Valdeorras, cuxo obxectivo é converter este xacemento nun referente científico e patrimonial da comarca. Ademais, este ano o sitio converterase no centro de realización das prácticas do Máster Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, impartido en Santiago de Compostela, entidade coa que o concello firmou un convenio. Cinco estudantes do devandito máster desprazaranse a Valdeorras para a campaña de escavación, onde poderán aprender non só técnicas arqueolóxicas de primeira man senón coñecer a contorna patrimonial da comarca.
“Queremos que Valencia do Sil, Vilamartín de Valdeorras e a propia comarca sexan referentes de xestión arqueolóxica de Galicia. Para iso é importante que a xente nova que estea aprendendo arqueoloxía poida desfrutar deste xacemento e da súa contorna”, afirma Celtia Rodríguez, co-directora do proxecto. Ao longo da campaña poderase visitar o sitio e ver os traballos de escavación no horario de dez da mañá ás cinco da tarde.