Paneis informativos e mellora nas fontes para o Camiño de Santiago en Silleda
O concello de Silleda prepárase para o Xacobeo 2021. Farao cun investimento de preto de 7.500 euros acollido ás “Axudas para actuacións de Mellora Paisaxística e de Embelecemento de Bens e Recursos que se atopen no Camiño de Santiago”, que convocou nos pasados meses a Xunta de Galicia, que aportará o 75%.
A proposta inclúe o equipamento de paneis e a mellora de varias fontes, dando respostas ás necesidades detectadas no Camiño. Os paneis informativos contarán con ilustracións, datos relativos á orientación destes enclaves e códigos QR en tres idiomas. Estarán colocados en Ponte Taboada, xunto ó pazo de Transfontao e preto da Ponte de Chapa.
En canto ás fontes, dotaranse dúas en Taboada e en Margaride, recuperando e mellorando outras xa existentes. No caso de Taboada colocarase unha nova xunto á igrexa de Santiago de Taboada cunha fronte de pedra que irá tallada cun motivo peregrino, mentres a de de Margaride será arranxada colocando tamén ornamentación en pedra.