Plantacións de eucaliptos e piñeiros danan gravemente dúas mámoas nun dos grandes campos funerarios de Galicia
O Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de denunciar ante o Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura en Lugo unhas graves agresións a dúas mámoas no concello de Cospeito. Foi na necrópole megalítica da Millarada, situada entre as parroquias de Pino e Santa María de Cospeito, formada por 32 enterramentos o que a converte nunha das maiores concentracións tumulares do período Neolítico de Galicia.
A mámoa catalogada co número 5 da necrópole, cunhas medidas de 35 metros de diámetro e 3 de altura, foi cortada por maquinaria pesada na parte sur-oeste ao realizar unha plantación de eucaliptos, perdendo un cuarto da masa tumular. Este enterramento é o máis monumental, non só do conxunto da Millarada, senón do concello de Cospeito.
A outra agresión foi á mámoa catalogada co número 21, de 34 metros de diámetro e 1,5 de altura. Foi ao realizar unha tala de piñeiros con maquinaria pesada, ocasionándolle ao túmulo profundos sucos.
Patrimonio en perigo
No concello de Cospeito hai 101 mámoas catalogadas cuxo estado de conservación vai de malo a moi malo. A pesares de estar protexidas pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, os traballos agrícolas e forestais realizados sen ningún tipo de control afectaron, sen excepción, a todos os túmulos do municipio, ocasionando un elevadísimo número de casos e, nalgúns casos, a súa total desaparición.
“Lamentablemente, Cospeito é un dos concellos da provincia de Lugo onde en peor estado se atopa o patrimonio arqueolóxico”, apuntan desde este colectivo. Ademais das mámoas, dos 15 castros existentes, só dous se conservan en regular estado. E a torre de Caldaloba, unha das fortalezas máis emblemáticas de Galicia onde resistiu aos Reis Católicos Constanza de Castro, filla do mitificado Pardo de Cela, está a derrubarse ante a pasividade dun Concello que leva demostrando que nada lle importa o Patrimonio.
“Ademais de denunciar as agresións para que se aplique o procedemento sancionador, tamén lle preguntamos a Patrimonio da Xunta de Galicia si se solicitaron os obrigatorios permisos tanto para a plantación de eucaliptos como para a tala de piñeiros”, conclúe.