Patrimonio investigará como foi posible que 200 corredores pasaran por riba dos muros do Trega
A pasada semana saltaban todas as alarmas cando a Rede do Patrimonio de Galicia denunciaba que na organización dun trail no monte Santa Tegra un enorme número de participantes pasaron correndo por riba das estruturas do excepcional castro. A proba deportiva levaba a centos de participantes por riba dos muros dun dos xacementos máis importantes de Galicia e un dos lugares culturais e turísticos máis importantes das Rías Baixas.
Tras o acontecido, a organización do evento, a cargo da empresa TimeAventure en colaboración co Concello da Guarda e a Deputación de Pontevedra, pedía desculpas nas súas redes sociais. Tamén comunicaba que fora o vento o que levara as balizas que delimitaban o percorrido deixando o xacemento arqueolóxico completamente exposto ó paso dos participantes na proba.
É por todo isto que o pasado luns, á vista da enorme reacción producida tras a publicación da nova no noso medio e noutras redes sociais, a Dirección Xeral de Patrimonio informaba que abriría dixilencias para determinar as circunstancias nas que se produciu o trail do Trega, tras a denuncia feita ante á administración por Apatrigal. O xacemento é Ben de Interese Cultural, a máxima categoría de protección para o patrimonio galego.