fbpx
O Camiño dos Faros ó seu paso polo Concello de Laxe / foto HdG

Abandónase o proxecto do Camiño dos Faros polas trabas das administracións

Tempo de lectura: 5 min.

“Despois de 8 anos de traballo, a Asociación O Camiño dos Faros, a través deste documento, retírase publicamente do seu traballo pola homologación de O Camiño dos Faros como Ruta de Gran Distancia GR e desvincúlase da figura do promotor”.  Esta é a triste declaración coa que a asociación, que ata o de agora xestionou e promocionou por propia vontade a excepcional ruta, abandona o proxecto.

E é que Os Trasnos, hoxe Asociación Camiño dos Faros, renuncian a xestión do trazado, a organización das rutas e ó intento de homologación do percorrido, ó non poder facer fronte ás trabas que a Xunta de Galicia a Federación Galega de Montañismo e, en menor medida a Deputación puxeron ó trazado.

“Creamos unha asociación e, para consolidala no tempo, facer as cousas ben e convertela nun recurso para todos, presentamos o proxecto a Turismo de Galicia”, “pero o único que recibimos da Federación Galega de Montañismo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia foron longas voltas e máis voltas, cando non rexeitamento aberto”, afirman.

Camiño dos Faros no Castelo de Cándoas en Cabana de Bergantiños / foto Historia de Galicia

Unha homologación imposible

Despois de anos promocionando a ruta Os Trasnos atopáronse co atranco insalvable da da súa homologación. “Dende Turismo de Galicia dixéronnos que para promover esta ruta debiamos homologala”. “Parécenos ben e a partir de aí, comezamos todo o proceso de homologación da ruta, acordando en 2015 cos 9 concellos polos que pasa”.

Comezarían tamén os contactos con outras institucións como a Deputación da Coruña, a Federación Galega de Montañismo a Federación Europea de Montañismo, Portos de Galicia ou Medio Ambiente entre moitas outras. Mais segundo relatan na súa web non puideron salvar os problemas tanto con Turismo de Galicia como con Medio Ambiente.

Camiño dos Faros no Peñón de Laxe / foto Historia de Galicia

O primeiro “dinos en 2014 que para poder promocionar a ruta necesitábamos homologala e 5 anos e medio de traballos despois dinos que non somos quen para homologala”. Por outra parte “a día de hoxe, aínda estamos á espera dunha resposta de Medio Ambiente ó Documento Ambiental presentado en maio de 2019, dezasete meses para un informe que, por lei, debería responderse en tres meses”.

Dende a asociación afirman que “este proceso de homologación consumiunos nin máis nin menos que 75 reunións que, se che apetece ler, están documentadas na nosa páxina web”. É por isto que todo que todo o proxecto se amosa inviable.  Fixemos todo o que estivo nas nosas mans para garantir o futuro deste importante camiño para a Costa da Morte”, afirman.

O Camiño dos Faros ó seu paso polo cumio do Monte Branco en Ponteceso, / foto IzzzmeeCC0

 Non sinalarán o camiño nin pedirán máis a súa limpeza

 “Deixamos de ser os promotores da homologación de O Camiño dos Faros como Ruta de longa distancia. Non porque non creamos que a ruta cumpre perfectamente cos estándares, senón porque renunciamos a traballar máis por nada”,  afirman Os Trasnos. “Unha vez chegado a este punto, dentro da asociación preguntámonos: que sentido ten continuar nun sistema que non nos quere?”

Deixamos de encargarnos de calquera traballo de mantemento ou sinalización. Non podemos insistir en manter unha ruta limpa ou debidamente sinalizada cando son as administracións públicas as que non nos deixan e nos poñen trabas”. Ademais tamén queren deixar claro que “a asociación non se fai responsable do camiño e, polo tanto, non se fai responsable de nada que lles poida pasar ós milleiros de excursionistas”.

Camiño dos Faros ó seu paso polas Torres de Cereixo en Vimianzo / foto Historia de Galicia

Porén, segundo afirman no seu comunicado a asociación en si non se disolverá, a pesares de que algunhas voces dentro dela así o pedían. Mais “xa non teremos esa responsabilidade de xestionar a ruta que non nos deixaron ter”, “pero o noso traballo agora só será seguir promocionando e dando a coñecer a nosa terra porque iso é algo que, polo de agora, ninguén nos pode prohibir”.

Un legado para a Costa da Morte

Aínda que eles mesmos abandonen e que as administracións lle deran as costas ó proxecto o certo e que Os Trasnos, ou a Asociación Camiño dos Faros si deixan un enorme legado para a Costa da Morte. Dende que no verán de 2013 sete persoas e dous cans iniciaran a ruta dende Malpica a Fisterra o percorrido pasou a ser unha das rutas máis percorridas de Galicia e de gran sona internacional.

Acceso ó castro da Cibdá en Borneiro polo que pasa o Camiño dos Faros / foto Íñigo M. Riobó

Tal e como xa recollemos no seu día no noso medio, fixeronse eco da excepcionalidade da ruta medios como The Guardian, The Times, Washington Post, National Geographic. Tamén as principales revistas de senderismo nacionais e europeas como a Revista Oxígeno, Grandes EspaciosWandermagazin, Op Pad, I-Trekkings ou o Club Alpino Alemán. Foron tamén pioneros no proxecto Google Trekker, grabando para Google Street View os 200 km de ruta, sendo durante anos parte da súa portada.

Tamén de premios como o  2019 Premio Galicia ó Turismo Sostible, o 2018 Premio Oxígeno á Mellor Viaxe de Aventura Nacional ou o  2017 Premio Nordés á divulgación do territorio. Mais foron, tamén e sobre todo, os responsables de 9 edicións guiadas, de constituír un recurso turístico único, da máxima implicación máxima dos habitantes da Costa da Morte e de milleiros de camiñantes que desfurtan este camiño único cada verán.

Estado do Camiño dos Faros / foto Os Trasnos

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...