Aparece unha necrópole altomedieval nun castro costeiro da Mariña que foi tamén ermida e mosteiro
Unha necrópole altomedieval. Este é o inesperado achado aparecido durante as sondaxes que se están a desenvolver no castro de San Tirso de Portocelo, no concello de Xove. Nel se atoparon cinco tumbas en bo estado dentro da croa do castro, así como unha pequena peza decorada que formaría parte dun colar.
As sondaxes esta a desenvolvelas a empresa Cado Arqueoloxía, baixo a dirección de David Fernández Abella e teñen como obxectivo a definición cronolóxica do xacemento e a delimitación dos seus diferentes elemento a través dunha escavación en varias catas de 4×4 metros.
Cinco tumbas do estilo altomedieval
As tumbas estarían feitas en fosas no propio substrato cercadas con laxas ós lados, seguindo a tipoloxía da época, con dimensións diferentes entre os 1,65 metros de longo e o 1,90 m. Porén non foron atopados ósos porque, como acontece polo xeral en Galicia, o PH da terra é moi ácido o que fai que xa non se conserven. Tampouco se atopou ningún enxoval funerario.
Mais a súa disposición e características son moi similares ós de outros xacementos da provincia como ás de Bretoña ou as da catedral de Lugo. Isto permite asimilalas a unha tipoloxía coñecida e relacionalas cunha posible doazón documentada do arcediago Rodrígo a uns monxes no século VIII. Porén sobre os achados faranse datacións con Carbono 14.
Unha ermida e un mosteiro sobre un castro costeiro
Mais non é o único achado desta campaña no xacemento. Pois nos pasados días anunciábase tamén o achado dunha pequena peza ou perla de colar singularmente decorada, posiblemente da época prerromana. A peza estaría feita de pasta vitria e decoración oculada e posiblemente podería ter chegado a través de intercambios marítimos.
E é que este xacemento trátase dun dos máis enigmáticos e singulares da Mariña. Pois trátase dun castro costeiro situado no saínte da liña de litoral. Mais sobre el aínda se conservan as ruínas dunha ermida que tería sido construída sobre un antigo mosteiro, que podería corresponderse co citado na doazón.