fbpx
Limpeza con auga a presión da portada norte da catedral de Lugo / foto Apatrigal

Dobre desfeita en Lugo: pintan a portada norte da catedral e limpan as pintadas con auga a presión

Tempo de lectura: 2 min.

A portada norte da catedral de Lugo, unha das xoias do gótico galego, foi vítima nos últimos días de dúas importantes agresións. Pois ó longo da fin de semana este excepcional pórtico da catedral así como o adro occidental aparecían con pintadas.

É por isto que o pasado luns unha empresa contratada polo Concello achegábase a limpar os desperfectos facendo unha segunda e máis importante desfeita ó empregar un sistema que dana gravemente a superficie do granito, a auga a presión.

Pintadas na portada norte da catedral de Lugo / foto Apatrigal

“A erosión causada pola presión da auga sobre a pedra produce a rotura dun dos elementos do granito: a Mica, e o desprendemento dos outros. O que debilita a pedra para o futuro, envellecendo máis rápido, facilitando a entrada de po e auga, e xerando un lugar ideal para medrar as herbas. As formas orixinais redondéanse pola forza e perden a xeometría inicial e o seu volume”. Así explicaban dende a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego a desfeita.

Débese “chamar a un restaurador profesional, que analice a pedra e a pintura, que busque o método menos agresivo como láser, microesferas de goma ou cepillo…”. Tamén “facer unha chamada á Dirección Xeral de Patrimonio coa proposta concreta e á Escola de Conservación e Restauración de Galicia”, apuntaban como o método correcto de proceder nestes casos.

O Concello afirma que investigará os feitos

Foi precisamente esta asociación a que fixo a denuncia do feito a través das súas redes sociais, creando unha gran indignación entre os usuarios. Así, nas últimas horas, o propio Concello aclarou tamén que estase a investigar o acontecido.

“Dende a área de Medio Ambiente estase a investigar como procedeu a empresa concesionaria que serve de limpeza de rúas na eliminación das pintadas realizadas este fin de semana na Catedral por se non foron os máis idóneos para a conservación do patrimonio”.

Pintadas na portada norte da catedral de Lugo / foto Apatrigal

“O principal obxectivo da actuación era a reposición do estado orixinal dos bens danados. Estanse a avaliar agora os criterios técnicos empregados actuar para a restitución do estado orixinal dos bens danados, os criterios técnicos empregados polo persoal na escolla do sistema e dos materiais utilizados e o alcance das súas consecuencias para depurar responsabilidades en caso de que sexa preciso” afírmase dende o Concello.

Faise ademais un chamamento “ó civismo dos veciños de Lugo”, lembrando “que este actos vandálicos teñen un enorme custo para todos”. A catedral é Ben de Interese Cultural e calquera intervención nela debe contar coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

Pode que che interese...