fbpx
Recreación do antigo edificio medieval segundo se coñecía antes dos achados / foto Museo Arqueolóxico de Ourense

Esta é a historia do excepcional Museo Arqueolóxico de Ourense e o seu peche que dura case 20 anos

Tempo de lectura: 5 min.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense é un dos museos máis importantes de Galicia. Ou seríao polo menos de estar aberto, pois leva pechado preto de 20 anos. E é que dende que no ano 2000 se decidiu a súa renovación tivo que agardar a que se resolveran os problemas entre dúas administracións con competencias, Ministerio de Cultura e Xunta, para que se aprobasen as obras da súa reforma, se executen e se desenvolva un novo programa museográfico.

As obras, que se están a desenvolver na actualidade, deixarán pechado o museo dende o ano 2002 ata o vindeiro ano 2024, que é cando, tras a demora sumado polos últimos descubrimentos arqueolóxicos, se agarda a súa apertura completa. Mentres tanto o museo continúa a funcionar cunha pequena exposición “escolma” dos seus fondos, no convento de San Francisco.

O museo da provincia

E é que antes do peche o Arqueolóxico era un dos museos máis importantes de Galicia, tanto pola súa historia, os seus fondos e a súa localización. Pois a súa historia remóntase a 1845, cando ó abeiro das ideas expandidas tras a Revolución Francesa, chega a España a idea de crear unha institución para a protección monumental. Créanse así as Comisións Provinciais de Monumentos, que, como na maioría das provincias, en 1845, planean a creación dun museo.

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense no Pazo do Bispo, recreación en 3D / foto Museos de Galicia

Para aquela a Comisión xa atesouraba importantes fondos e en novembro de 1846 se crearía un museo para as súa gran colección de pintura, que abriría o 1 de novembro no antigo Colexio dos Xesuítas. Medio século despois, en 1895 a Comisión decide crear tamén un Museo Arqueolóxico Provincial, con pezas recollidas de toda a provincia que se localizaría nos baixos do Pazo Provincial. Ambos moveríanse por varias localizacións da cidade Como o Colexio de Santo Domingo, o Centro Provincial de Instrución ou o Hospital das Mercedes ata que no ano 1951 se localizan no edificio do antigo Pazo Episcopal.

Uns fondos excepcionais

Como herdeiro da Comisión Provincial de Monumentos o museo conta con pezas arquitectónicas, escultóricas, pictóricas e arqueolóxicas recollidas durante máis de século e medio por toda a provincia. Trátase dunha colección excepcional de máis de 40.000 pezas, unha das máis amplas de toda España. A ela habería que sumarlle as pezas cedidas no século XIX o convento de Celanova e no XX á vila de Ribadavia para a creación en 1993 do seu Museo Etnográfico.

Cabeza de Guerreiro de Rubiás / foto Museos de Galicia

A sección de arqueoloxía acolle pezas únicas da prehistoria galega dende o megalitismo, con pezas como a Pedra Alta, a Idade do Bronce, como a espada de Mouruás, época castrexa, con varias figuras de guerreiros galaicos como o de Rubiás, así como pezas romanas como epígrafas e pezas de arquitectura prerrománica. Tamén un amplo repertorio imaxes e pinturas renacentistas e barrocas, pezas imaxinería como taboleiros do coro de Montederramo e unha especial colección de pintura dos séculos XIX e XX.

Un dos solares con máis historia da cidade

É por toda esta excepcional cantidade e riqueza de pezas que un século despois da súa fundación, en 1951, o museo conta por fin cunha excepcional localización para expoñelas. Trátase do edificio do Pazo Episcopal, un dos edificios máis cargados de historia de toda a cidade de Ourense e que por séculos configurou a súa morfoloxía. Trátase do edificio que levantado en 1131, en tempos do bispo Diego de Velasco, en estilo románico, que aínda hoxe se conserva o seu núcleo orixinal.

Detalle do edificio do Museo Arqueolóxico de Ourense / foto Museos de Galicia

Irá mudando ó longo de toda a historia. No período gótico chegou a ter seis torres de grandes dimensións; na época renacentista, pasa de fortificación a complexo pacego e no barroco adquire nova monumentalidade. No solar do edificio atopáronse tamén restos romanos e outras estruturas perdidas da época medieval. O foi considerado de importancia tal que foi de declarado Monumento Histórico-Artístico por Decreto de 3 de xuño xa no ano 1931.

Preto de dúas décadas desaparecido da escena cultural

Exposición Escolma de escultura no Convento de San Francisco de Ourense / foto Museos de Galicia

Por todo isto o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense pode considerarse un dos museos provinciais máis importantes de España. Localízase ademais no centro da cidade, na Praza Maior, ó carón da Casa Consistorial, o pé da Igrexa de Santa María Nai e relativamente preto da Catedral. O museo sempre foi un recurso non só cultural senón tamén turístico de primeiro orde para a cidade.

É por isto que no ano 2000 cando se decide facer prospeccións arqueolóxicas no edificio, decántase tamén tamén pola súa renovación. Así, no ano 2002, pecharase por completo o museo, antes sequera de ter un proxecto para a nova obra. Mais, cando este chega pouco despois, atópanse amplas deficiencias no seu deseño incompatibles coa conservación do edificio histórico.

40.000 pezas nunha nave da Carballeira

É por isto que as obras quedan paradas e á agarda dun novo proxecto para o que se convoca un concurso público. Mais a comezos da actual década aínda non fora convocado. O concurso foi gañado por Alejandro Virseda, Ignacio Vila, José Jaraíz y Arbau Arquitectos  e no ano 2019 comezan as obras. O proxecto prevé unha renovada imaxe, cunha nova cuberta, unha nova sala de exposicións temporais e un novo núcleo de estruturas como montacargas ou ascensores.

Museo Arqueolóxico de Ourense / foto Turismo de Galicia

Co peche do museo os seus fondos trasladaríanse a un edificio de formación na zona da Carballeira. Alí se localizaron os servizos do museo e a maioría das súas coleccións excepto unha selección da escultura máis representativa que se amosa no convento de San Francisco baixo o título “Escolma de Escultura”.

Agora, tras as últimos achados arqueolóxicos o as obras demoraranse de novo. Para moitos, o gran problema do museo, pechado durante case todo este século, deriva dunha difícil situación política, pois se ben o edificio, e con el as obras, é titularidade do Ministerio de Cultura o museo pertence á Xunta, que tensionou en varias ocasións a súa renovación durante o goberno socialista central. O museo fica pechado polo choque de administracións de cor política diferente e pola simple pasividade de gobernos da mesma cor. Agora, a pesar dos sucesivas demoras, as obras avanzan a bo ritmo.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...