fbpx
Frame do vídeo promocional da serie Os Castros da TVG

Estes son os outros documentais sobre os castros galegos que podes ver dende a web

Tempo de lectura: 4 min.

A TVG estreou hoxe, vai algo máis dunha hora, unha nova serie de divulgación sobre o mundo dos nosos castros. Trátase de “Os Castros”, unha serie documental presentada por Alba Mancebo e da que se presentou o primeiro episodio. A serie recolle con impresionantes imaxes a vista de dron e entrevistas con especialistas a excepcional herdanza do pobo que ocupou ata a chegada de Roma todo o noroeste peninsular.

Mais non é a primeira vez nin a única que diversos medios como canles públicas e canles temáticas recollen o gran legado patrimonial do pobo galaico. Dende a propia CRTVG á TVE ou mesmo o Canal Historia, fixéronse eco no seu día deste. Baixo a desfasada denominación de celta ou castrexo estes medios trataron de achegarlle ó gran público a excepcional cultura dos galaicos.

Frame do vídeo promocional da serie Os Castros da TVG

Galicia no Tempo (TVG)

E é que a propia CRTVG xa presentara un documental sobre os castros no ano 1991. Estaba presentado por Ana Veiga con guión de Xesús Villamil e facíase co gallo da exposición Galicia no Tempo, a gran mostra feita en Galicia como ensaio ó Xacobeo 1993. Cos medios do momento, tamén con imaxes aéreas e ó longo de 45 minutos o documental amósanos o que fai 29 anos se coñecía da cultura dos galaicos. Pode verse na CRTVG á carta.

Frame de Galicia no Tempo da TVG Televisión de Galicia á carta

El legado celta (TVE e Canal Historia)

A televisión pública española tamén se fixou nos nosos castros e tamén desenvolveu un documental para a súa divulgación. Fíxoo a través de Explora Films, coa colaboración da Xunta e en coprodución co Canal Historia. Conta coa dirección e guión do divulgador José Manuel Novoa, con singulares imaxes de recreación e mesmo chegou a emitirse nunha canle de televisión sueca. O documental estivo dispoñible na páxina de TVE A la carta, ata o pasado día 20.

 

Desde Galicia para el mundo (TVE)

Outros programas que tamén recolleron, aínda que parcialmente, o mundo dos nosos castros. Un deles foi o programa de divulgación de TVE, emitido pola canle internacional e pola canle 2, Desde Galicia para el mundo, un dos programas máis lonxevos e máis seguidos da TVE en Galicia. De toda a xeografía visitada polo equipo do programa atópanse diversos monumentos e entre eles algúns dos nosos castros. Este é o caso do Castro de Baroña, que se recolle neste capítulo subido á plataforma YouTube.

 

A Cultura castrexa. Castros en Galicia (PACC)

Outras das opcións que podemos atopar nesta plataforma de vídeos é A Cultura castrexa. Castros en Galicia. Trátase dunha curtametraxe documental feita para Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, en San Cibrao de Lás, pertencente á Xunta de Galicia. De tan só 7 minutos de duración conformaría parte dunha dobre proxección do museo foi subido á plataforma pola empresa creadora BLV.

 

Historia do castro de Viladonga (Castro de Viladonga)

Do mesmo xeito que o PACC tamén o Museo do Castro de Viladonga ten subido á plataforma YouTube un dos seus vídeos divulgativos sobre a cultura castrexa. Trátase neste caso dunha recreación da historia da morfoloxía do castro e do aspecto que tería na súa orixe. Foi desenvolvido por Tresdeseos, dirixido por Ignacio de la Cierva con guión de Raquel Ramos.

 

Celtas. Arqueomanía (TVE)

Outro dos programas sobre os castros galegos foi un dos episodios da serie Arqueomanía producido por TVE e presentado por Manuel Pimentel. Segundo se afirma no programa, nel “se percorre o noroeste peninsular como o territorio natural de expansión da cultura castrexa”, preguntándose que hai de certo na afirmación de que esta cultura fora asimilada ós celtas. Este programa pode verse tamén na páxina A la Carta da canle.

Frame da serie TVE Agromanía / TVE a la carta

Historias de Galicia (TVG)

Unha das grandes series documentais divulgativas da televisión pública galega foi a serie Historias de Galicia dirixida por Xosé Manuel Vega, con Guión de Rosa G. Bello e presentado por Xosé Barato. Cada capítulo trata un aspecto da cultura e da historia de Galicia, como a casa e a familia, a lingua, a historia da muller. Nesta serie falar do mundo dos nosos castros tamén foi ineludible. Especialmente no seu primeiro episodio “Onde o mundo se chama Galicia”, no que se fai un achegamento ó mundo dos asentamentos galegos. Pode verse tamén á carta.

Frame do vídeo promocional da serie Os Castros da TVG

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...