fbpx
Castro atopado en Becerreá / Patrimonio dos Ancares

Galicia segue parindo restos arqueolóxicos… Aparece un castro e dúas novas mámoas

Tempo de lectura: 2 min.

Grazas á precisión de antigos topónimos, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de documentar un novo castro en Becerreá e dúas novas mámoas en Navia de Suarna. Estes elementos patrimoniais están sen catalogar, non figurando nin no Plan Básico Autonómico nin no de Aproveitamentos Forestais da Xunta de Galicia.

O castro atópase entre as parroquias de Cascallá e Furco (Becerreá), nun outeiro situado a 875 metros de altitude, entre os regos da Cerdeiriña e Navallos. Consta dun só recinto de forma ovalada cunhas medidas aproximadas de 70 por 40 metros, protexido polo sur-oeste por afloramentos rochosos e o resto polo desnivel do terreo. O sitio conserva os evocadores topónimos de O Castro e Seara do Castro; este último puido acoller un antecastro, moi modificado na actualidade polos labores agrícolas e forestais. Con este, o concello de Becerreá conta con 31 castros, catro documentados polo noso colectivo.

Mámoas atopadas en Navia de Suarna / Patrimonio dos Ancares

Mámoas

As dúas mámoas localizámolas na Balsa, parroquia de A Ribeira (Navia de Suarna), no sitio que aínda conserva o inequívoco nome de A Medorra, a 898 metros de altitude, nas inmediacións do coñecido como Camiño do Teso, e a menos de 800 metros do límite con San Antolín de Ibias, en Asturias. O primeiro enterramento ten unhas medidas de 14 metros de diámetro e 0,90 de alto, observándose no centro do túmulo un cráter de violación de dous metros de diámetro. O segundo enterramento atópase a 160 metros do anterior, cunhas medidas de 15 metros de diámetro e 0,80 de alto. Son as mámoas situadas máis ao norte da comarca dos Ancares.

O concello de de Navia de Suarna acolle o 65 por cento das mámoas documentadas nos seis concellos da comarca dos Ancares. Os achados xa foron comunicados ao Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura en Lugo para que procedan á súa catalogación.

Pode que che interese...