O patrimonio de Vimianzo amosarase camiñando durante este outono
Despois dun verán especialmente intenso no que o concello de Vimianzo tratou de situarse como o referente do turismo cultural da Costa da Morte, agora, o patrimonio cultural e natural do concello seguirá sendo protagonista, mais a través de andainas.
E é que o Concello de Vimianzo presentou o pasado venres Recunchos, outono 2020, o programa de andainas para amosar a riqueza natural e cultural deste concello. O obxectivo é pór en valor o patrimonio natural e cultural repartido por todo o termo municipal.
- Detalle dos lugares que atravesarán os roteiros / foto Concello de Vimianzo
- Detalle dos lugares que atravesarán os roteiros / foto Concello de Vimianzo
- Detalle dos lugares que atravesarán os roteiros / foto Concello de Vimianzo
Neles poderán visitarse lugares de interesante patrimonio histórico, etnográfico e arqueolóxico. Tratarase de lugares como a aldea de Berdoias, Urroa, Calo ou Castrobuxán, o dolmen da Casota de Freán, os petróglifos do Pedrouzo, a antiga escola de Calo ou os penedos de Pasarela, entre moitos outros.

Cartaz dos roteiros / foto Concello de Vimianzo
As andainas, que se desenvolverán os sábados de outubro e novembro terán unha lonxitude de entre 8 e 14 quilómetros. Todas as andainas son circulares, con saída e chegada no mesmo punto e todas as rutas son dunha dificultade media-baixa, polo que non existe límite de idade para inscribirse.
Haberá un máximo de 24 participantes por ruta e será obrigatorio o uso de máscara sanitaria de protección e manter a distancia de seguridade. Catro dos cinco roteiros desenvolveranse por camiños e sendeiros recuperados recentemente polo Concello. As inscricións poderán formalizarse na páxina web de Vimianzo.
Última hora: Adiadas pola situación da Covid
O Concello de Vimianzo tomou a decisión de aprazar o comezo das andainas ‘Recunchos outono 2020’ ante as restricións da Consellería de Sanidade publicadas no DOG do pasado 14 de outubro.
Desde a administración local, consultouse coas autoridades competentes en materia sanitaria esta situación, e por responsabilidade, decidiuse aprazar o comezo das mesmas. Xa se puxo en coñecemento da situación ás persoas inscritas na andaina de mañá, sábado 17 de outubro. En canto as autoridades o permitan, retomarase o programa para que as persoas interesadas poidan coñecer os senlleiros recunchos que o Concello de Vimianzo atesora.

Detalle dos lugares que atravesarán os roteiros / foto Concello de Vimianzo