fbpx
Áncoras líticas atopadas nas Rías Baixas galegas / foto cíes.gal

Podería haber máis de 150 áncoras prerromanas nas Rías Baixas como a atopada o pasado martes en Baiona?

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado luns chegaba ó porto de Baiona unha áncora con máis de 2.000 anos. Fora atopada na Illa da Carral, preto do Cabo Silleiro. Tratábase dunha áncora lítica, ou de pedra, duns 70 cm de longo e 60 quilos de peso. Unha peza relativamente plana con dous furados para introducir as cordas. Foi atopada por dous mariscadores que se atopaban traballando na zona.

Porén, a pesar da importancia do achado, non é este un caso singular en Galicia. Poia toda a costa galega, e en especial as Rías Baixas, podería estar enchida de pezas semellantes a esta. Trataríase de testemuñas da excepcional relación de comercio marítimo que habería na Galicia prerromana con pobos non só do Atlántico senón tamén do mundo mediterráneo, antes da chegada dos romanos.

Un centro de comercio excepcional

Pois así o afirmaba, fai xa preto dun lustro atrás, o arqueólogo Ramón Patiño no seu libro “Áncoras líticas nas Rías Baixas”. Trataríase dun exhaustivo catálogo de preto de 150 áncoras dos períodos púnico e romano, irmás da atopada en Baiona. A súa presenza demostraría esta intensa relación entre o abrigo das rías galegas e o comercio co Mediterráneo.

Salinas da Guarda / foto Concello da Guarda

E é que os romanos terían aproveitado as comunicacións marítimas previas cunha excepcional intensidade. Xa deles nos queda a súa pegada non só en construcións como o faro da Coruña, senón en excepcionais complexos industriais como as salinas da ría de Vigo, Oia ou A Guarda ou excepcionais xacementos como o de Marqués de Valadares. Máis tamén culturas anteriores.

Antes da súa chegada habería xa intensas relacións comerciais do mundo galaico co mundo mediterráneo. Púnicos ou fenicios terían deixado nas nosas costas sinais dos seus asentamentos e dos seus propios costumes e crenzas. Estes comerciantes convivirían cos galaicos establecéndose nas nosas rías como deixarían ver xacementos como o de Toralla ou o Museo do Mar.

Áncora ou morto achado no Vicedo / Fonte Jesús Fernandez, Facebook.es

150 áncoras líticas

Segundo relata Ramón Patiño no seu libro, nas rías galegas poderíamos atopar preto de 150 pezas semellantes á atopada en Baiona. Trataríase de pezas labradas de pedra, que se empregarían tanto para fondear barcos, as de maior tamaño, como coa función de facilitar determinadas manobras.

Moitas delas pódense atopar nos museos galegos, outras, como afirmaba Ramón no seu día ó Faro de Vigo, en casas particulares e xardíns. Con diferentes formas e tamaños non todas serían pezas procedentes de barcos afundidos. Moitas delas terían un aspecto moi semellante a atopada en Silleiro, con dous grandes furados para amarralas. Porén sobre aquela etapa, tan relevante na costa galega, quedaría aínda moito por investigar.

 

Pode que che interese...