Unha nova serie da TVG explorará, como nunca antes, o mundo dos nosos castros
A TVG estreará esta fin de semana unha nova serie de divulgación sobre unha parte excepcional da nosa historia, o mundo dos nosos castros. Pois, a partir deste domingo ás 20:00 horas, a televisión galega fará honra á súa vocación de servizo público e cultural para achegarnos unha parte do noso patrimonio arqueolóxico máis excepcional.
Trátase do primeiro capítulo de “Os Castros”, unha serie documental presentada por Alba Mancebo e que nos achegará, cos medios da canle e dun xeito nunca visto, á cultura do pobo galaico. A serie, recolle con impresionantes imaxes a vista de dron e entrevistas con especialistas, temas como os xeitos de vida, a orixe dos seus habitantes, a conquista romana, a súa herdanza ou o seu lugar no arco atlántico europeo.
A serie da TVG, dirixida por Xosé Manuel Vega e realizada por Ángeles Balsa, achegaranos á vida dos Galaicos, o pobo que habitaba o noroeste peninsular á chegada dos romanos e que nos deixou varios milleiros de xacementos arqueolóxicos ó longo de todo o noso territorio. A serie, con excepcionais imaxes de lugares como os castros de Viladonga, Trega, San Cibrao de Las, Baroña ou Borneiro entre moitos outros, tratará de axudarnos a entender algo mellor, ese importante momento do noso pasado.
- Frame do vídeo promocional da serie Os Castros da TVG
- Frame do vídeo promocional da serie Os Castros da TVG
- Frame do vídeo promocional da serie Os Castros da TVG