A Ribeira Sacra xogarase o seu futuro en China no verán de 2021
A candidatura da Ribeira Sacra ó Patrimonio Mundial será avaliada polo Comité da UNESCO en China no verán de 2021. Así o puxo de relevo a Directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, logo de participar o pasado día 20 na 87ª reunión do Consello de Patrimonio Histórico na que se analizaron as candidaturas españolas a Patrimonio Mundial pola UNESCO.
O obxectivo é que a paisaxe cultural da provincia de Lugo e Ourense sexa incluída na prestixiosa Listaxe do Patrimonio Mundial na que se acreditarán os valores sobranceiros deste territorio. A candidatura da Ribeira Sacra está actualmente na súa última fase e nuns meses clave.
É por isto que, co fin de conseguir a declaración, estanse estreitando o contacto cos examinadores da UNESCO, que recentemente tiveron a oportunidade de trasladarse ata o territorio para comprobar a súa importancia cultural, patrimonial e paisaxística. Na reunión tamén participou o embaixador de España ante a UNESCO, Juan Andrés Perelló, un dos encargados da defensa das candidaturas.

Ribeira Sacra / foto locuigCC0
Un proxecto de varias décadas que se decidirá este verán
E é que este verán será o momento chave para o recoñecemento desta paisaxe cultural única, despois dun proceso demandado dende hai moitas décadas e do que o executivo galego empezou a tomar en consideración a partir do ano 2015. No ano 2018 o proxecto recibiu un importante impulso coa declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).
Con esta declaración na categoría de paisaxe cultural poñíase de manifesto o valor excepcional e sobranceiro desta zona de Lugo e Ourense. Incluíndose neste recoñecemento bens e manifestacións que complementan o seu sentido e valor cultural, así como á zona de amortecemento como medida de reforzo das condicións para a súa salvagarda.
Na última fase o traballo centrouse na constitución da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra constituído por varios departamento do goberno galego. O obxectivo é que este territorio obteña este recoñecemento que xa teñen a Cidade vella de Compostela, os Camiños de Santiago, tanto Francés como os do Norte, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules.

Detalle da Ribeira Sacra no verán de 2017 / foto HdG