Descuberto o que puido ser un gran centro de poder durante a época das invasións árabes
A escavación do castro de San Paio, á entrada da parroquia de Merza (Vila de Cruces, Pontevedra) podería sacar a luz un dos grandes misterios da historia medieval galega; unha fortificación que estaría asociada ao Sétimo Condado do que falan documentos da época sueva. Así o recolle o xornal Cultura Galega nunha interesante reportaxe na que apunta que os arqueólogos cren terse atopado cun xacemento sen paralelos, cando menos escavados cientificamente, no país.
A investigación arqueolóxica afonda nunha das épocas máis escuras da historia de Galicia, a Alta Idade Media e, sobre todo, o impacto que a invasión árabe tivo no país. Segundo os investigadores, o castro de San Paio non é exactamente un castro, senón o que se coñece como unha ‘motte & bailey’, un tipo de fortificación medieval propia do norte de Europa. Trátase de fortificacións moi características: na zona superior está a mota, unha elevación que é onde se atopa o núcleo do castelo e unha gran torre. E podería ser o centro administrativo dun condado.
Antigas divisións territoriais
Os condados galegos, unhas antigas divisións territoriais, que xa aparecen mencionadas nun dos documentos fundamentais para comprender a Galicia da Antigüidade Tardía: o Parroquial Suevo. Trátase dun documento de mediados do século VI no que se dá conta da organización eclesiástica do reino suevo de Gallaecia, de aquela baixo o reinado de Teodomiro. En cada un deles, o rei designaba un comes ou conde, responsable da súa administración e defensa.
“Con moita cautela, estamos pensando que pode ter relación coa familia dos Betote, que son os Condes do Deza nese período. Esta fortificación podería ser a repoboación dunha vila antiga, fortificada pola tensión que existe debida á invasión árabe”, sinala o arqueólogo Vítor García. “Hai outro elemento que apunta nesa dirección”, engade , “esta fortaleza controla visualmente as áreas dos mosteiros de Carboeiro e Camanzo, que foron fundados pola mesma familia dos Betotes. Aparecen como uns dos grandes repoboadores da Galicia meridional, e moi conectados con reis como Ordoño II”. Podes ler toda a reportaxe de Manuel Gago aquí.