Polémica e petición en Change.org pola musealización de varios castros financiada por Fomento
Cal é o nivel de intervención que se debe ter nun xacemento arqueolóxico para facelo visitable e atractivo para o público?. Este é o debate xurdido a raíz da polémica intervención en varios castros galegos nos que está a intervir o Ministerio de Fomento. A intervención ten por obxectivo a súa musealización e o acceso ós xacementos. Mais para moitos son un atentado contra os propios xacementos arqueolóxicos.
Trátase dos castros de Toiriz en Silleda, Subidá en Marín, así como, previsiblemente, Alobre en Vilagarcía. Todos eles están incluídos nun protocolo de intervención froito dun acordo entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a súa posta en valor. O obxectivo é a súa adaptación á visita e musealización, cun orzamento 520.000 euros. O proxecto foi licitado o pasado mes de maio e está desenvolvido pola empresa Patrimonio Intelixente.
As obras consistirían na mellora dos accesos dos castros, tratamento da paisaxe, vexetación que os rodea e sinalización con cartelería, códigos QR e picas intelixentes. Mais tamén pavimentación puntual e mobiliario. Con lousas e bancos de pedra, gabións e elementos de aceiro. E é neste último punto no que xurdeu a contestación social, petición e polémica.
Toiriz: unha petición en Change.org
“Cun simple mantemento de limpeza e renovación do escaso mobiliario de madeira sería suficiente, ademais de barato. Pero o que se está a facer nestes días é bastante peor que deixalo abandonado”. Así se afirma dende unha petición na plataforma Change.org na que se pide “parar o atentado arqueolóxico no castro de Toiriz de Silleda”.
A petición, que leva ata este momento acadadas máis de 1.200 sinaturas, denuncia que “a iniciativa ‘Trazas de Pontevedra‘ para “poñer en valor” xacementos arqueolóxicos coma o Castro de Toiriz, emprega “unha serie de pezas realizadas en aceiro corten” que serán usadas como bancos, creando así unha contorna “lúdica” para os visitantes”.
Mais “para instalar estes materiais van escavar a unha profundidade de ata 60 cm e que co escavado ata agora, de bastante menos profundidade, xa se atoparon restos de materiais de cerámica, o que amosa a gravidade da situación”, afirman.
“Non son poucos os profesionais e expertos na materia que falan nesta obra de atentado contra os valores arqueolóxicos e patrimoniais do enclave. Mesmo falan de que o que se vai facer é ‘un parque urbano’ que faría desaparecer o Castro”, afírmase na petición.
Subidá: un polémico novo “look” de pedra
Pola súa parte a polémica no castro de Subidá en Marín non se centra tanto na prospección no terreo senón no que nel se engade. Neste caso un novo acceso con grandes lousas de pedra e bancos que modifican a imaxe herdada do castro. Tamén un muro de pedra e aceiro e grandes bancos nos que chegan a engadirse mensaxes como a palabra “look”.
“Poñer nun banco, o que se ve na foto, LOOK, pero non son quen de poñer: ollade, mirade, ou vede”, denúnciase por exemplo dende a Asociación Illa de Tambo, que sinalan a modificación da paisaxe do lugar. “Sirvan estas fotos de denuncia contra algo que nunca debería haber pasado e para esixir a paralización inmediata desa aberración e o seu retorno o estado no que estaba antes”. O orzamento “debería ser invertido en xerar valor engadido o Patrimonio, non en destruílo”, afírmase.