fbpx
Araceli Pereda / foto hoyesarte.com

Premio Nacional de Restauración para unha das grandes defensoras do patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

En Galicia hai 46 monumentos na Listaxe Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra. 17 na Coruña, 7 en Lugo e 7 en Ourense e 15 en Pontevedra, xunto con 10 máis que saíron da listaxe recentemente. Mais todos coñecemos o berro de auxilio de todos eles, e dos ó redor de 850 máis que hai en todo o territorio español, gracias ó traballo desta asociación, filial de Europa Nostra.

Araceli Penela Alonso / foto Universidade Complutense de Madrid

Á fronte deste traballo atópase Araceli Pereda Alonso, a directora de Hispania Nostra.  E é precisamente por este traballo, así como pola súa excepcional traxectoria, polo que Pereda foi distinguida este pasado martes polo Ministerio de Cultura co Premio Nacional de Restauración e Conservación de Bens Culturais 2020, e que está ademais dotado con 30.000 euros.

O fallo argumenta que a gañadora ten unha “traxectoria profesional na defensa do patrimonio cultural a nivel nacional e internacional, co seu compromiso coas institucións públicas e a súa participación en organizacións sen ánimo de lucro e na sociedade civil; defendendo a importancia da conservación e restauración de edificios históricos, xacementos arqueolóxicos, obras de arte, patrimonio inmaterial e natural, xunto co importante traballo de comunicación a todos os niveis”.

Factoría Massó de Cangas na Listaxe Vermella do Patrimonio / foto BicicleandoCCBy Flickr

Pois Pereda non só é directora da institución ademais de Historiadora da Arte pola Complutense de Madrid, senón tamén membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, correspondente do Consello de Europa en España, directora de varias fundacións culturais ou coordinadora do Servizo de documentación do Patrimonio do Ministerio de Cultura. Araceli participou ademais na redacción da Lei 16/85 de Patrimonio Histórico Nacional e na Lei 49/2002 de Fundacións e Mecenado.

O premio é tamén polo seu excepcional traballo á fronte da institución. Pois Hispania Nostra leva dende 1976, traballando sen ánimo de lucro e con utililidade pública na salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural e natural de España. Ademais da Listaxe Vermella, dunha Verde, para os que se recuperan e unha Negra para os que se perden, Hispania Nostra tamén presta apoio a asociacións en defensa do Patrimonio, desenvolve xornadas e publicacións, xestiona os Premios Hispania Nostra de Boas Prácticas e xestiona candidaturas ó premio Europa Nostra, entre moitas outras.

Casas Bailly, na Listaxe Vermella do Patrimonio / foto Merce-Xoacas CCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...