fbpx
Hórreo de San Roque de Fora / foto HdG

Un hórreo de 1858, o último supervivente da derrubada aldea mariñeira de San Roque de Fora

Tempo de lectura: 3 min.

Para moitos o máis antigo da cidade. De estilo chamado coruñés ou mariñán e datado en 1858, o hórreo da derrubada aldea mariñeira de San Roque na Coruña volveu á vida, pedra a pedra, nun renovado barrio que nada ten que ver xa coa aldea mariñeira que foi ata non fai moito.

Hórreo de San Roque de Fora / foto HdG

A derradeira aldea mariñeira da cidade

Por moito tempo afogada entre os barrios de Riazor, Labañou e Cidade Escolar, tivo a súa sentencia de morte nesta década, entre os mandatos de Javier Losada e Carlos Negreira. A aldea foi derrubada por completo hai máis dun lustro para dar lugar a unha urbanización con vistas á fachada marítima oeste da Coruña.

Tratábase dunha aldea mariñeira ou barrio da parroquia de Visma, situada no borde marítimo da Coruña, no que outrora foi parte da coroa de barrios rurais de provisión da cidade. Era unha pequena aldea con casas de tipo mariñeiro, dun só andar, ou dous como moito, ó redor dun rueiro que baixaba cara o mar.

A aldea contaba con casas de cantería ou cachotería, algunha delas de gran porte, e moitas máis pequenas, das chamadas de remo, encaladas e pintadas de cores tradicionalmente mariñeiras como o branco e azul. A aldea contaba con elementos tradicionais como este hórreo ou un lavadoiro. Pertenceu ó Concello de Oza ata 1912 e a súa derradeira casa foi derrubada o 22 de maio de 2014.

Hórreo de San Roque de Fora / foto HdG

Un supervivente da tipoloxía de hórreo da Coruña

Mais no proceso de derrube o seu principal hórreo tivo que ser desmontado pedra a pedra ó ser Ben de Interese Cultural. As pedras foron conservados nunha nave industrial mentres se desenvolvían os traballos de urbanización da zona, e hoxe, xa reconstruído, atópase nun espazo axardinado ó pé da Escola da Escola de Náutica. A reconstrución foi acordada entre a corporación de Losada e os promotores da urbanización.

Os traballos, que se desenvolveron o pasado verán, supuxeron a súa recuperación nun proceso no que as pedras de cantería numeradas foron desmontadas que volveron o seu lugar recuperando a estrutura orixinal da construción. Os traballos completáronse tamén con outras pedras do derrubado barrio.

Hórreo de San Roque de Fora / foto HdG

O hórreo de San Roque é ademais un dos máis excepcionais exemplos da tipoloxía de hórreo da Coruña. Ademais da súa tosquedade, das súas pequenas dimensións e do gran tamaño dos seus perpiaños, destacan por contar cun celeiro ou almacén inferior, para gardar apeiros e outros elementos que non precisaban da ventilación do millo e dúas entradas na parte frontal. O hórreo aparece documentado en varias ocasións datándose, polo menos dende 1858, polo que se considera un dos máis antigos da cidade.

Hórreo de San Roque de Fora / foto HdG

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...