Unha investigadora desvela a The Guardian un achado excepcional e único na catedral compostelá
“Esculpida a comezos do século XII para unha das catedrais máis grandes do mundo, pero ninguén soubo da súa existencia ata agora”. Así é o excepcional achado que Jennifer Alexander, unha investigadora británica, acaba de atopar na catedral de Santiago. Trátase dunha figura na que ninguén reparara ata o momento e que sorprendeu mesmo ó xornal The Guardian, onde se publicou o sensacional achado.
Trátase dun singular autorretrato dun canteiro que traballou na catedral no século XII e que se atopaba agochado entre os pregues dun capitel medieval. É “unha fermosa imaxe dun home asomando no centro do capitel, coma se diso dependera a súa vida”, segundo comenta a The Guardian a investigadora. “Abandona a capital e agárrase a el. É case coma se o tragase”.
Mide aproximadamente 30 centímetros de alto, está representado ata a cintura, agochado nunha ringleira de capiteis orixinais e idénticos. Tal e como afirma a investigadora “está esplendidamente tallado, cun rostro moi distintivo”, “ten un pequeno sorriso. Está satisfeito consigo mesmo“.

Imaxe atopada no capitel da catedral de Santiago / foto Jennifer Alexander The Guardian
Jennifer Alexander, investigadora de Historia da Arte da Universidade de Warwick especialista en arte medieval, descubriu a figura mentres desenvolvía unha análise pedra por pedra para determinar a súa secuencia de construción. Estudaba os capiteis e agochado entre eles, a 13 metros sobre o chan, “apareceu esta pequena figura”.
Unha sinatura dun canteiro anónimo
“É unha conexión especialmente encantadora entre nós e a persoa que a esculpiu. É coma se estivese deseñado só para que o vexan as persoas que traballan no edificio. Por suposto, este canteiro probablemente non tiña nin idea de que se habería de esperar tanto tempo para que a súa obra fora vista”, afírmase.

Naves da catedral / foto Miguel Hermoso Cuesta BBBy Wikimedia
Segundo ela é unha figura que se pode atopar con relativa frecuencia nos edificios medievais. Son figuras que normalmente pasan desapercibidas en recunchos onde só os atoparía outro canteiro. Atópase nun lugar do edificio onde só podería ser visto por outro operario, agochado nun conxunto de capiteis moi semellantes.
Trátase pois dunha especie de sinatura do canteiro, “unha broma”. Unha pequena escultura pensada para que outros puideran identificar o traballo destes mestres. “A pesar do talento supremo destes artesáns, eran completamente anónimos e os seus nomes perdéronse para a historia”, mais, como recorda a publicación, non deste outro “xenio esquecido”.