fbpx
O apalpador, imaxe popularizada por Leandro Lamas

O Apalpador xa percorre Galicia, pero que é un carboeiro?

Tempo de lectura: 2 min.

Na montaña lucense, nos vales do Cebreiro, Courel, Louzara e Ancares, é onde pervive a figura dun carboeiro vello e rexo que apalpa a barriga dos nenos na noite de Nadal. Trátase do Apalpador, ou Pandigueiro noutras zonas de Galicia. Un home grande, groso, barbudo que percorre as casas nas noites de Nadal e Fin de Ano. Segundo a tradición, o ‘Apalpador’ baixaba ós vales para “palpar” a barriga dos máis pequenos e deixarlles castañas no caso de que estivesen moi fracos.

Segundo os máis vellos das comarcas de O Cebreiro, Courel, Louzara e mesmo Ancares, que lembran as historias que lles contaban os seus avós, o Apalpador é un xigante que usa boina, unha chaqueta vella e remendada, fuma en pipa e aliméntase con abruños salvaxes e da carne de xabaril que caza no monte. Vive na montaña e dedícase a facer carbón.

O Apalpador segundo Títeres Cachirulo

Os carboeiros

E é por isto que a figura do Apalpador ademais de levarnos ó máis profundo das tradición, relacionada con outras personaxes como o San Nicolás, Papa Noël ou o Olentzero vasco, o Apalpador fálanos tamén da propia historia da vida nas nosas montañas e dunha profesión que en Galicia está a piques de desaparecer: a dos carboeiros.

E é que houbo un tempo en que para facer arder as lareiras da montaña ou as famosas forxas da Fonsagrada, do Courel ou de Meira, precisábase o duro traballo dun artesán, o carboeiro.  Tratábase dun oficio tradicional  típico destas zonas de Galicia que consistía en converter as raíces de xestas, torgos e torgueiras no carbón co que se quentaban as cociñas ou as forxas.

O carbón empregado polos ferreiros / foto areldole CC0

Era un oficio moi duro, no que se pasaba moito frío e moita calor, así como moito esforzo para arrincar as raíces dos torgos. Para facer o carbón abríase un gran furado duns dous metros no chan chamado faia no que se queimaban as raíces. Despois se tapaban con terra para que se apagasen por elas mesmas. Despois compría transportalo de parroquia en parroquia e de feira en feira para abastecer casas e ferreiros.

Así a do Apalpador é unha entrañable tradición que nos fala de tempos nos que a convivencia coa fame era unha realidade. Tamén dunha da profesión que nos lembra a dura vida na montaña galega. Un home groso, esfarrapado pero que coida dos cativas e cativos na noite de Nadal, dexesándolles abundancia para todo o ano.

O apalpador, imaxe popularizada por Leandro Lamas

Pode que che interese...