Así foi 2020: Así está a ser a Covid-19 e así foron outras pandemias da nosa historia
Unha “infección por un axente, simultánea en diferentes países, e que afecta a unha proporción significativa da poboación“. Esa é a definición que a OMS dá do que é unha pandemia. Tristemente neste ano 2020 ó mundo tocoulle sufrir novamente grazas a un coronavirus, a Covid-19. Porén as pandemias foron unha constante en toda a historia da Humanidade azoutando e minguando a poboación mundial.
Entre as pandemias que sufriu Occidente estivo a Peste de Atenas, no 430 a.C; a Peste Antonina, entre 165 e o 180; a Peste de Xustiniano, de 541 a 750; a Peste Negra, de 1347 a 1453; o Cólera no século XIX ou a Gripe de 1918, entre este ano e 1919. Tamén compriría nomear a Terceira Praga Pandémica que azoutou dende 1855 China e a India ou o VIH que dende 1966 afecta a boa parte de África e Occidente, entre moitas outras.

Ilustración medieval sobre a peste negra / Wikimedia
Porén, alén do sufrimento e a morte, de todas estas pandemias sacamos valiosas leccións e recibimos importantes avances, que mesmo mudaron a nosa historia. Así, se no pasado algunha das pandemias citadas como a de Xustiniano, podían chegar a eliminar á metade da poboación, hoxe a letalidade da Covid-19 non pasa dun 0,1%.
Como entran as pandemias
Case todas as pandemias da historia, como é o caso da Covid-19, tiveron unha orixe animal, no que se coñece como zoonose. Polo xeral producíronse pola domesticación de animais que produciron a mutación de virus dende eles cara o ser humano. Ademais as pandemias acceden ós humanos nun lugar concreto do globo e expándense co contacto e as viaxes.
A Peste Negra, Bubónica ou Morte Negra teríase orixinado en Asia Central, porén, mataría en Europa a uns 25 millóns de persoas, ou un terzo da súa poboación no século XIV. Unha das formas de expansión tradicionais dos virus foron os roteiros comerciais e, segundo creen os investigadores, esta teríase expandido a Europa a través da Ruta da Seda.

Difusión da peste negra por Europa no século XIV / Wikipedia
A Galicia tería chegado a través do Camiño de Santiago. Ou así se deduce dun estudo do CSIC publicado na revista Scientific Reports en 2017. Se ben se pensaba que a enfermidade tería entrado polos nosos portos o estudo, que se basea na estatística da extensión do virus nas cidades e vilas galegas, conclúe que foron os peregrinos quen a terían expandido enfermidade ata aquí. Contámolo en marzo neste artigo.
O progreso, a outra cara dunha traxedia
O certo é que as pandemias ademais da dor contribuíron a fomentar avances científicos e tamén a acelerar os cambios sociais. Cónstase que a Peste de Atenas puido acabar coa súa hexemonía secular da cidade, que a Peste Negra puido axudar a dar paso ó Renacemento ou que a Gripe de 1918 podería ter sido un dos alicerces do final da Primeira Guerra Mundial.
No campo dos avances científicos poderían ter igualmente un enorme impacto. Tal e como recollemos noutro artigo do mes de marzo, os profesores da USC Fernando Julio Ponte Hernando e Ofelia Rei Castelao destacaron nun texto o impacto que tiveron, ó longo da historia as epidemias na Humanidade. “As epidemias ameazaron á Humanidade desde tempos inmemoriais, á vez que forzaron a procura inmediata de solucións que, na maior parte dos casos, constitúen auténticos logros científicos”, subliñan.

Enfermeira durante a Gripe Española nos Estados Unidos / foto Harris & Ewing photographers Foto Histórica PIDomain
“Aparecen novas vacinas, perfecciónanse técnicas de diagnóstico e substancias terapéuticas, desenvólvense novos dispositivos, xorden novos conceptos de organización da saúde, ou se obteñen patentes orixinais ou novas conviccións sociopolíticas”. É o caso da propia “vacina” descuberta polo médico inglés Edward Jenner, a finais do século XVIII, despois de observar a inmunidade cruzada entre as vexigas das vacas e a relación de quen as muxía, de onde procede a propia palabra “vacinar”.
Reducir a mobilidade e ventilar
Porén antes de descubrir unha vacina ou medicamentos que axuden a evitar os efectos do virus, tal e como vimos nesta Covid-19, os elementos de control da expansión seguen a ser moito máis rudimentarios. Deste aspecto tivemos que aprender tamén de pasadas experiencias. A asepsia e a hixiene, o control da mobilidade e o distanciamento social neste 2020 continuaron a ser métodos efectivos de control.
O control da enfermidade estivo presente en varios dos nosos artigos. Seguramente o máis premonitorio do que hoxe facemos, publicado no mes de abril, foi a reconstrución das estratexias a seguir durante a Gripe de 1918, a partir dun bando dunha pequena localidade de Burgos. Nela aconsellábase ventilar, pasar a maior parte do tempo ó aire libre e evitar as festas.

Illa de San Simón que foi empregada como lazareto / foto turismo.gal
“A infección propágase polas gotiñas de saliva que despide quen fala, tose…”, afírmase nel. “Que se absteñan, en consecuencia, de permanecer en locais cerrados, mal ventilados, onde se reúne moita xente, como tabernas ou cafés“, comenta o bando.
Tamén que “se manteñan abertas todo o día as fiestras dos dormitorios e se ventilen con frecuencia os locais” ou “manterse no campo a maior parte do tempo”. Tamén evitar os bulos, “seguir os consellos do médico e desoír ós ignorantes que os invitan a beber alcol ou a consumir tabaco como remedios”.