fbpx
O Anel Único de J. R. R. Tolkien / blogtolkien.com

Coñeces a historia dos nove aneis máxicos de Galicia?…. Pois acaban de aparecer

Tempo de lectura: 2 min.

Un equipo de restauración que realizaba o seu labor nos retablos-relicarios laterais da igrexa de San Estevo de Ribas de Sil localizou, entre os restos dos nove bispos santos alí enterrados, catro aneis que, segundo a tradición, poderían ser os ‘aneis milagreiros’ destes bispos, en paradoiro descoñecido desde hai séculos. Uns aneis e unha lenda dos que algúns cren que bebeu o relato mítico sobre o Anel Único da obra de  J. R. R. Tolkien.

Segundo informa o Bispado de Ourense e tal e como recolle a web Galicia Confidencial, o cóengo arquiveiro da Catedral de Ourense, Emilio Duro Pena, fala na súa monumental obra sobre o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil dos nove santos bispos galegos que alí morreron.

No proceso de canonización sobre a vida, milagres e veneración e culto público dos corpos e reliquias destes nove bispos faise referencia aos milagres obrados polos aneis, aínda que sen indicar de cantos son. En concreto, preséntanse varios casos de curación, entre os que destaca o da afillada de Bautista Celma, mestre reixeiro, cega de nacemento.

Aneis dos bispos de Santo Estevo de Ribas de Sil / Bispado de Ourense

Lenda

A lenda dos aneis remóntase ao ano 921 cando nove bispos;  Osorio, Servando, Froalengo, Ansurio, Viliulfo, Vimarasio, Pelaio, Afonso e Pedro chegaron ao mosteiro fuxindo dos musulmáns. Portaban aneis que as xentes do lugar comezaron a dicir que eran milagreiros. A lenda foi crecendo e o caso é que as súas sepulturas serviron como lugar de culto e peregrinación durante a Idade Media, pois se lles atribuíron  feitos sobrenaturais. E aquí entra en xogo a lenda popular: supostamente os nove aneis episcopais -depositados durante décadas e décadas nun cofre de prata- atesouraban propiedades portentosas…. se os cegos tocábanos recuperaban a vista, se os tolleitos tamén o facían volvían andar, e se alguén co demo no corpo situábase fronte a eles entraba en transo e regresaba á cordura devota.

Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil / ribeirasacra.com

Claustro dos bispos

Quizais por todo iso no 1220 decidiu erixirse o denominado claustro dos Bispos, un dos tres cos que conta o mosteiro, un grandioso conxunto románico con 44 arcos sostidos por columnas xemelgas e coroado por unha crestería gótica, que veu substituír a unha cuberta de madeira. As posteriores transformacións levadas a cabo no século XVI traerían a construción do pequeno claustro de planta cadrada situado no hastial sur dos Bispos, e do denominado claustro de Portaría, de planta rectangular e con tres corpos, unha obra renacentista, que presenta unha das maiores dimensións de toda Galicia.

Os aneis déronse por desaparecidos no XVII, pero tras séculos perdidos, as obras de restauración dos relicarios laterais do altar maior, onde se atopan os restos dos nove santos bispos, localizaron un elemento patrimonial que poderían ser estas xoias perdidas.
Vía Galicia Confidencial.

Pode que che interese...