Denuncian que os Franco poden estar a baleirar a Casa Cornide
Os Franco poderían estar a retirar bens da histórica Casa Cornide da Coruña. Así o denunciaron dende o BNG da cidade despois de que o pasado martes 22 a organización política fose avisada por varios veciños da presenza dunha furgoneta de mudanza ás portas da propiedade, na que se poderían estar cargando bens. Os veciños informaron dos feitos tamén á Plataforma en Defensa do Común que convocaron un acto cívico mañá domingo ás 12,30 diante do edificio.
Segundo a formación política a familia podería estar adiantándose a un futuro fallo xudicial como o de Meirás, pois a Casa Cornide atopase tamén nos tribunais polo seu paso discutible a mans do ditador. Ambas piden medidas para evitar calquera perxuízo para a propiedade que se agarda que pronto poda ser declarada como BIC, así como que se acelere a súa declaración. Dende a Plataforma pediuse ademais que o Concello presente denuncia no xulgado por se estes feitos puideran constituír delito.
#NaWeb Os Franco están a extraer os bens da Casa Cornide diante da posibilidade de perderen tamén este inmóbel. Unha denuncia de @obloque https://t.co/audIJcrFxj
— BNG A Coruña (@BNGACorunha) December 23, 2020