Denuncian unha nova desfeita no castro de Moimenta, onde apareceron os famosos brazaletes galaicos
“Movementos de terra, cerramentos con bloque, cortes profundos do terreo e amoreamentos de pedras”. Esta é a situación que SOS Galicia denunciou nas súas redes sociais e ó noso medio do castro de Moimenta, na Estrada, nun novo atentado contra o patrimonio arqueolóxico.
O castro, con código de Patrimonio Arqueolóxico GA36017008, situado na parroquia de San Xulián de Arnois, no lugar de Moimenta, é un castro de especial singularidade e gran tamaño. Nel, de feito, atopouse en 1914 o famoso brazalete de Moimenta, unha peza de ourivería de 17 x 3,9 centímetros que se expón dende 1974 no Museo Provincial de Lugo.
- Peches sobre o castro / foto SOS Galicia
- Peches sobre o castro / foto SOS Galicia
- Brazalete de Moimenta / foto museolugo.org
- Movementos de terra e amoreamentos de pedra no castro / foto SOS Galicia
Segundo SOS Galicia, trataríase “dun verdadeiro atropelo ós terreos virxes que quedaban ilesos, xa que a pesares de ter o castro unha extensión enorme, a labranza fíxolle moito dano”. No lugar é posible ver pedras amoreadas e amplos peches consolidados de bloque dividindo transversalmente as murallas e tamén unha importante intervención no terreo.
Aínda que nas fotografías non se recolle con claridade, no castro teríanse feito movementos de terra cunha retroescavadora e estaríanse a levantar novos peches de bloque, sempre segundo SOS Galicia. Polo de agora descoñécese se existe licenza de obra para a intervención no lugar pola Dirección Xeral de Patrimonio tal e como establece a Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia.

Movementos de terra e amoreamentos de pedra no castro / foto SOS Galicia