fbpx
Xunqueira de Espadanedo / foto xunta.gal

Nova rehabilitación para unha das grandes xoias do románico galego

Tempo de lectura: 2 min.

O mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, na Ribeira Sacra, será rehabilitado pola Xunta de Galicia. O goberno galego fará un investimento de preto de 165.000 euros para a intervención no monumento declarado BIC e no que se atopa a oficina de turismo e o propio Concello gobernado polo PP.

A intervención é froito dun convenio de colaboración coa Diocese de Ourense e co Concello de Xunqueira de Espadanedo, está co-financiado con fondos FEDER e contará cun prazo de execución de tres meses. A obra forma parte da estratexia do goberno galego de pór en valor o patrimonio cultural da Ribeira Sacra de cara a unha posible declaración no vindeiro ano 2021.

Evitar a entrada da auga e reconducir intervencións anteriores

O obxectivo da intervención será, sobre todo, evitar problemas de conservación vinculados á entrada de auga. Para isto revisaranse algunhas solucións construtivas que se incorporaron recentemente, como actuacións no acabado das escaleiras da zona porticada da oficina de turismo e tamén na súa fachada norte. Tamén se prevé actuar nas fachadas norte e leste da igrexa, afectadas pola humidade.

Claustro de Xunqueira de Espadanedo / foto xunta.gal

Tamén se intervirá o adro da igrexa, revisando as drenaxes e descubrindo as zonas enterradas da fachada e dando un novo tratamento axardinado. Limparase o pavimento de vexetación e se investigarán as canalizacións históricas e recuperaranse na medida do posible o recorrido natural das escorrentías, reducindo a súa entrada na igrexa.

No claustro substituiranse os vidros rotos e readaptaranse as portas de vidro existentes adoptando unha solución que permite a mellor ventilación pola zona superior. Tamén se revisará a cuberta da igrexa. Na fachada da biblioteca substituirase o revestimento, recuperarase a viga policromada do coro e faranse actuacións de restauración para a súa conservación.

Unha xoia do románico

Santa María de Xunqueira de Espadanedo é un impresionante mosteiro con singulares fábricas románicas, renacentistas, barrocas e neoclásicas e con singulares retablos e imaxes. Como moitos outros na Ribeira Sacra trátase dun mosteiro de orixe cenobítica que pasou á orde do Císter no século XII, con advocación de San Xián.

Santa María de Xunqueira de Espadanedo / foto Wamba Wambez CC-By Wikimedia

Coas doazóns de Fernando II e Alfonso VII Espadanedo confirmou unha xurisdición que se estendía dende Santa Cristina a San Pedro de Rocas e que lle deu prosperidade durante a Idade Media. Neste momento desenvolve a súa excepcional fábrica románica dos séculos XII e XIII, que aínda se conserva.

No século XV foi absorbido por Montederramo, pero no XVI, recupera a súa independencia pasando a formar parte da matriz castelá. Neste momento comezou novas fábricas, como a do seu singular claustro, que continuarían no barroco e en época neoclásica. En 1836 foi desamortizado, adicado a parroquial e casa do concello. En 1980 foi declarado BIC, comezando a súa recuperación.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: