fbpx
Un fresco dunha escritora romana nunha parede de Pompeia / foto Wikimedia

O Concello de Santiago dedicará unha praza a Exeria a escritora peregrina da Gallaecia do século IV

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Santiago de Compostela dedicará unha praza á Exeria, xunto cunha intervención para recordala. Así foi aprobado nunha moción conxunta do pleno aprobada por unanimidade dos catro grupos con representación. O obxectivo é convocar ó Consello Asesor de Condecoracións para denominar “Exeria” á nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros.

Tamén se fará nese emprazamento unha intervención cultural e artística que remarque a figura desta muller e a súa importancia na cultura galega. Trátase de “incrementar a visibilización das mulleres nas rúas e prazas da cidade” así como dar a coñecer a esta figura da nosa historia nun lugar que é ademais un lugar especialmente transitado da cidade e punto de entrada de peregrinos.

A iniciativa nace da proposta da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria que trasladou a proposta ó Concello. “Poñerlle o nome de Exeria fará que moita xente, galega e de fóra, se achegue a esta muller da Gallaecia, coñeza a súa obra e valore a súa importancia” afirmábase no pleno. “Hai moi poucas referencias a esta muller en Galicia, tan só un edificio das instalacións da Universidade de Vigo”.

Unha muller da Gallaecia do século IV que viaxou a Xerusalén documentando a súa viaxe

Un fresco dunha escritora romana nunha parede de Pompeia

Exeria foi a primeira peregrina da que temos constancia na Hispania. Percorreu Terra Santa entre os anos 382 e 385 para coñecer de primeira man os lugares de referencia da fe cristiá. Exeria non só camiñou, senón que escribiu un Itinerario no que recolleu todas as investigacións e impresións que a ían sorprendendo na viaxe. Escrito en latín coloquial o texto é unha das fontes esenciais da historia de Galicia e un documento único do xénero periexético.

Ademais segundo se transcribe da acta do pleno “Exeria é unha muller relacionada co feito diferencial cultural galego. A Xeración Nós sitúa os inicios do feito diferencial galego nos séculos IV-VI. O mesmo Daniel Castelao, no seu Discurso Alba de Gloria, pronunciado no Teatro Arxentino de Bos Aires o 25 de xullo de 1948, evoca os símbolos da nosa historia, tanto xeográficos como humanos soñando cunha Santa Compaña encabezada por Prisciliano e Exeria”.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...