Santiago fai peonil o último lugar con tráfico rodado da “améndoa”
O pasado día 1 de decembro o tráfico quedou limitado despois das 15 horas á zona formada pola rúa Travesa da Universidade, Mazarelos, praza da Universidade e Fonte Seca. Cumpríase así cunha demanda xa histórica que pretende ser o primeiro paso para a súa peonización definitiva. Pois o plan desenvolverase en dúas fases para que, segundo o Concello, o cambio sexa gradual.
Nun primeiro momento permítese o aparcamento ORA ata as 14.00 horas así como carga e descarga ata as 12.00 en Mazarelos. Na Travesa da Universidade, o horario mantense de 6:00 a 8:00 da mañá para atender a Praza de Abastos e de 8:00 a 11:30 para a hostalería. Na segunda fase eliminarase por completo o estacionamento e a carga e descarga funcionará do mesmo xeito que o resto do centro histórico.

Praza de Mazarelos / foto juantiagues CC-BY Wikimedia
Retirada dos bolardos
É precisamente por este motivo polo que o pasado día 15 informou favorablemente é a retirada de bolardos na contorna da praza de Mazarelos e da praza da Universidade, conforme á memoria redactada polo arquitecto Ángel Panero, da Oficina de Proxectos do Consorcio de Santiago. A actuación conta cun orzamento de execución material de 14.664,4 euros, e prevé a retirada dos 40 bolardos existentes sobre o pavimento de chapaplana é dos 100 inseridos sobre as lousas.
Para isto establécese a condición de que todas as unidades retiradas xunto coas lousas de granito nas que se encaixan serán inventariadas e trasladadas ao almacén municipal a fin de que poidan ser reempregadas en futuras actuacións na vía pública. Os pavimentos de chapaplana afectados reaproveitaranse no posible, colocáranse da mesma forma en que se atopan. As novas lousas de granito que substitúan ás que se retiran terán un grosor mínimo de 20 cm e unha granulometría e cor similar ás existentes.

Praza da Universidade / foto Turismo de Santiago