Sargadelos ficha como asesora á parella de Feijóo, Eva Cárdenas
Sargadelos ficha a Eva Cárdenas, parella do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo como asesora externa. Así o confirmaron diversos medios estatais e galegos aínda que dende a propia marca non foi confirmado. A nova coñeceuse despois de que nos últimos días Cárdenas visitara a fábrica de cerámicas de Cervo.
Coñecida polo seu traballo á fronte de Zara Home entre 2003 e 2018, esta graduada en Económicas e mestrada en ADE, nada en 1965, foi tamén coñecida pola súa recente maternidade co presidente da Xunta. Cárdenas foi a segunda muller en dirixir unha cadea do grupo Inditex nun momento no que a marca chegou a ter preto de 600 tendas. Porén tras o final da súa traxectoria en Inditex, de final incerto, iniciou coa súa filla un negocio inmobiliario nomeado Niebla Azul.
Indignación no ano do centenario do artista
“Eu xa non choro por Sargadelos. A empresa morreu o día que Isaac foi expulsado da súa casa no IGI en Xaneiro do 2010. O que veu despois, esperpento”. Con estas palabras referíase a fichaxe Martiño Noriega, exalcalde da capital galega, ó amargo momento que lle tocou vivir a Isaac Díaz Pardo cando a dirección da empresa apartou ó artista fundador da mesma.
Este anuncio coincide, ademais, con varios fitos moi salientables na marca de cerámica. Un deles a consecución de beneficios por parte da empresa nos últimos exercicios, despois de anos de perdas e ERE. Tamén a promesa de recuperación do Museo Carlos Maside, despois de máis dunha década de abandono.
Máis este ano 2020 é tamén e sobre todo o ano do centenario do nacemento do artista. Como celebración multiplicáronse os actos e as exposicións por toda Galicia, inaugurándose unha escultura no propio Paseo de Ferradura de Santiago. Tamén na actualidade pode verse no Museo da Cidade da Cultura, a exposición As miradas de Isaac, comisariada por Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro e organizada polo executivo de Núñez Feijóo.