Unha escavación en Padrón podería dar luz ó momento máis descoñecido da historia de Galicia
No cumio dun monte do concello de Padrón podería estar unha das claves para entender o momento entre o final do Imperio Romano e a conformación da Galicia medieval. No lugar denominado Castro Valente, o xacemento dunha antiga fortificación que será escavado nos vindeiros días, podería estar unha das claves para entender un dos momentos máis descoñecidos da historia de Galicia.
Este é o traballo que está a desenvolver un proxecto de investigación da USC denominado Castelos no aire do grupo de investigación Síncrisis da facultade de Xeografía e Historia. O obxectivo do traballo, dirixido Mario Fernández-Pereiro, é investigar como se desenvolveu a transición entre a final da época romana e a creación do Reino Suevo.
Un momento clave
E é que existirían varias fortificacións que se encargarían de organizar política e socialmente o territorio galego durante todo o século V. Algunhas están localizadas e documentadas e resta unha investigación a fondo para coñecer este momento. Este é o obxectivo que está a desenvolver grupo de investigación.

Lousa de granito cunha inscrición do século XVIII pertencente a unha antiga ermida no monte / foto Castelos no aire
Trataríase dunha época descoñecida, mais que constitúe “un momento no que se colocarían os alicerces da evolución social, política e económica de Galicia durante a Idade Media até os nosos días“, como declaraba Fernández-Pereiro. O grupo que ven de traballar noutros xacementos similares, coma o Faro de Budiño no Porriño, ou o Castelo de Portomeiro en Val do Dubra.
Unha gran fortificación sobre o Ulla
Castro Valente é un recinto fortificado situado no cumio dun monte na beira sur do río Ulla, sobre a parroquia de Herbón en Padrón. Trátase dunha fortificación de morfoloxía moi clara no lugar e dunha grande extensión cunha muralla de 1,5 quilómetros e preto dunhas 11 hectáreas.
Con murallas de ó redor de 2,5 metros de ancho e recinto moi caracterizado foi coñecido como A Cerca polos veciños da zona. Porén o lugar está especialmente maltratado. Afectado pola vaga de lumes de 2007, invadido de acacias e deteriorado especialmente pola apertura de cortalumes, mais unha excepcional testemuña desta época.
Unha escavación para unha época completamente descoñecida
Así, comezando hoxe e durando tan só unha semana a campaña arqueolóxica sobre o xacemento, feita a xeito de cata, ten por obxectivo afondar no seu estado de conservación e na súa cronoloxía. A escavación estará dirixida por Fernández-Pereiro a través da empresa Tempos Arqueólogos.
Pola súa banda o proxecto Castelos no aire está financiado pola Deputación da Coruña a través das Bolsas de Investigación 2020. Para esta escavación, conta tamén co coa colaboración do proxecto de investigación “Territorio e Poder Monástico na Idade Media. Unha aproximación comparativa (Terpomed)”, dirixido por José Carlos Sánchez Pardo.

Vistas dende o xacemento de Castro Valente / foto Castelos no aire
Máis información nas redes sociais do proxecto.