1944: o ano no que as brañas do Ulla puideron rematar como a desaparecida Lagoa de Antela
Son as Brañas de Laíño un dos espazos húmidos máis extensos descoñecidos e de maior valor ambiental de Galicia. Nelas habitan máis de sesenta especies de aves, algunhas moi escasas ou destacadas, un bo feixe de plantas de elevado interese, e en xeral unha importante reserva da biodiversidade alén da súa rica historia etnográfica. As Brañas de Laíño, as de Dodro e as Veigas de Lestrobe eran terreos comunais que durante moitos anos quitaron a fame aos probes. Dende elas subíase a herba en cestos e en carros para as aldeas para alimentar aos bois cebóns de Laíño que eran exportados a Inglaterra e a Madrid principalmente xa a mediados do século XVIII e tamén ás vacas leiteiras que daban a principio do XX leite para toda a comarca e para Compostela a través de dúas cooperativas leiteiras que chegaron a vender 400.000 litros ao ano, ate que o réxime franquista acabou con elas. A administración autonómica a este espazo natural deu en chamar por un eufemismo: Reserva Natural Fluvial do Río Ulla-Deza cousa que ningún dos habitantes da zona entende.
Agora as brañas están totalmente abandonadas. Xa non hai bois cebóns nin vacas leiteiras en Laíño excepto unhas poucas que algún novo emprendedor tenta volver a recuperar. Agora mesmo o que cumpre e unha especie de parque natural onde poder ollar a fauna e flora única en este espazo. Dende o Concello de Dodro quixemos facer unha pequena intervención en forma de sinalización de rutas por camiños xa existentes e cun pequeno observatorio de aves que foi denegado o permiso pola a Demarcación de Costas mentres noutros lugares, moi preto, autoriza embarcadoiros cada poucos quilómetros. Seguimos no empeño para poñer en valor as brañas aínda que sexa para uso e desfrute dos amantes da natureza.

Brañas de Laíño / obaixoulla.gal
Unha ocorrencia nos tempos da fame
En sesión extraordinaria de 1 de agosto de 1944 a Corporación Municipal de Dodro aprobou un acordo, cando menos, “ocorrente”, que transcribo do orixinal. No único punto do día describe: “Terrenos denominados Brañas de Laíño, Brañas de Dodro y Campíos de Lestrobe todos ellos propiedad del municipio al uso común y gratuíto del vecindario” e fai saber o problema “Brañas que en las crecidas invernales del Río Ulla, suelen inundarse y por falta de los oportunos desagues sin que se advierta en ellos la intervención de la mano del hombre para corregir tales inconvenientes naturales, defecto que impide puedan destinarse a cultivo y porque explotada su produción en común nadie le presta la atención y el cuidado que la Braña requiere, limitándose su aprovechamiento al producto que expontaneamente crece, principalmente desde Abril hasta Octubre, consistente en yerba, para su verde, alimentar al ganado en las cuadras y los juncos para las camas de los animales…” e aquí ven a proposta: “y como esa extensión de terrenos que serían unas cien hectáreas, si estuviese en zanjas paralelas que desde la linde interior desembocaran en el Río, construídas previo estudio por técnicos en la materia podrían producir pastos en mucha mayor abundancia y aún cereales y legumbres y despues de dividirlos entre los hoy vecinos, a fin de que cada casa de labranza o vecino cuidara o defendiera su terreno en forma debida…” A solución sería facer canles perpendiculares ó río hasta o límite das propiedades para que as mareas circulasen polos mesmos e non anegaran as brañas e os terreos comunais convertelos en privados para que os propietarios puideran cultivar todo tipo de forraxes e acabar coa fame. O acordo foi o seguinte: “La corporación por unanimidad acuerda: Solicitar al Iltmo. Sr. Director del Instituto Nacional de Colonización el estudio que requiera de los terrenos municipales denominados Brañas de Laíño, Brañas de Dodro y Campíos de Lestrove, en el sentido de que evitando en lo posible las inundaciones que sufren si corrigiendolas, haciendo que desaguen rapidamente, se puedan dedicar a cultivo, ya sea de forrages, legumbres o cereales, en la forma mas o menos análoga que se indica en la precedente exposición manifestada por la presidencia de esta corporación como motivos principales y de orientación para coincidir en este acuerdo.”
Menos mal que o chamado “Instituto Nacional de Colonización” non tomou mans no asunto, ou por preguiza ou por proxecto imposible.
Instituto Nacional de Colonización foi un organismo creado en España en outubro de 1939 que dependía do Ministerio de Agricultura. Un dos obxectivos principais era transformar o espazo produtivo reorganizando e reactivando o sector agrícola mediante o aumento das terras de labor e a superficie de regadío para borrar o obxectivo da Segunda República de redistribución das terras. Este organismo desapareceu en 1971 e deu lugar ao Instituto Nacional de Reforma Agraria o IRYDA.

Brañas de Laíño, en Dodro, preto da desembocadura do río Ulla / Laboratorio Ecosocial do Barbanza
Outro proxecto faraónico: o regadío
Pouco antes de desaparecer, o Instituto Nacional de Colonización, levou a cabo en Dodro un proxecto inexplicable e faraónico: o regadío. Non nos consta que fora pedido expresamente por parte dos gobernantes do Concello nin que fora unha reivindicación veciñal. Este proxecto pretendía regar as terras de Laíño e Dodro por medio de canles construídas en cemento, de moitos Km, con pozos de derivación para poder levar a auga a todas as terras de labranza que, por outra parte, xa usaban métodos tradicionais e na parte das Brañas xa eran inundables, cousa que facía totalmente innecesaria a obra. Aínda que realizada case ó completo nunca chegou a funcionar e a auga seguiu regando as leiras e brañas como en tempos inmemoriais. Agora aquelas canles están abandonadas polas veigas e facendo de xardineiras nalgunha casa.
A última intervención-ocorrencia nas Brañas de Laíño executouna a empresa pública TRAGSA e a Dirección Xeral de Costas no ano 2016 co beneplácito do Concello, daquela gobernado polo Partido Popular, consistiu nunha ampla tala nun dos poucos bosques inundábeis de Galicia que se encontra no espazo protexido pola Rede Natura 2000 no Sistema Fluvial das Brañas de Laíño (Reserva Natural Fluvial do Río Ulla-Deza segundo a Xunta) e en varios camiños que transcorren polo lugar. Esta acción foi amplamente contestada polos veciños que chegaron a parar a corta e polos colectivos ecoloxistas coma a Sociedade Galega de Historia Natural que mesmo denunciaron o feito ante a Consellería de Medio Ambiente. http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/35494-empresa-publica-tala-bosques-inundabeis-galicia.
Esperamos que o tempo das “ocorrencias” xa sexa pasado e que o futuro das Brañas de Laíño pase polas mans dos que entenden: os ecoloxistas, os veciños e demais expertos no Medio Ambiente.
Temos que buscar un consenso para poñer en valor este espazo único en Galicia, pois perdéronse os usos tradicionais das brañas, xa non se vai á herba nin ós xuncos para as vacas do leite e xa non hai bois cebóns para vender a Europa e coa axuda da Xunta, do “Ministerio para la Transición Ecológica” (dono efectivo das brañas actualmente) temos que buscar unha solución.