fbpx
Unha das moitas fontes que decoran os xardíns do pazo / foto Loischantada CC-BY Wikimedia

As Torres de Meirás abrirán as súas portas o vindeiro día 30

Tempo de lectura: 2 min.

As torres de Meirás abrirán á cidadanía, agora xa como ben público, o vindeiro día 30 deste mes. Así se anunciou o pasado martes ó remate da reunión da Comisión Técnica de Meirás na que participaron representantes do Estado, Xunta, Deputación e Concellos da Coruña e Sada. A reunión estivo presidido polo secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez López.

Anunciouse que a data de apertura será o vindeiro sábado 30 de xaneiro coas pertinentes medidas de protección contra a Covid-19 e, iso si, limitado polo peche perimetral imposto pola Xunta. Na reunión adiantouse que, polo de agora só se poderán visitar os xardíns e exteriores, mentres que a visita interior atópase aínda condicionada por obras de mantemento e reparación.

Portada e escudo decorando o xardín / foto Loischantada CC-BY Wikimedia

Agárdase que este se poida visitar a partir do mes de marzo, aínda que algunhas estancias poderían ir abríndose antes que outras. Tamén se está a ultimar para estas datas unha exposición coordinada por a Secretaría de Estado de Memoria Democrática e o Ministerio de Cultura. Nela abordarase toda a historia do pazo, dende Emilia Pardo Bazán á súa recuperación.

Porén aínda quedan por ultimarse os futuros contidos das torres. Para isto crearase unha comisión de 14 expertos, que deseñarán os futuros contidos de Meirás. Os expertos desta comisión estarán designados polo Estado, Xunta, Deputación, os Concellos de Sada e Coruña e o Consello da Cultura. Polo de agora a cidadanía xa pode gozar de todo o patrimonio cultural e natural que se atopa no seu xardín.

Entrada do Pazo de Meirás / foto Ird Ge CCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...