Así é o almanaque co mellor románico da Costa da Morte
“En Cereixo navegamos, [..] en Mens vimos a ferocidade, [..] en Tines presentimos o horror, [..] en Baíñas sorrimos inxenuamente, [..] en Laxe descubrimos a elegancia”… Estas son algunhas das impresións que a asociación O Sorriso de Daniel, divulgadores e defensores do patrimonio medieval galego, desenvolveron nun novo almanaque para 2021. O protagonista: o románico da Costa da Morte.
Trátase de trece imaxes do mellor do románico das comarcas de Soneira e Bergantiños, que Soledad Felloza recolleu e que leva a sinatura da asociación. Camariñas, Vimianzo, Laxe, Ponteceso, Malpica e Coristanco son os concellos que continúan con un traballo iniciado no pasado 2020, cando se recollían as mostras do románico da comarca de Fisterra.
Son “igrexas do rural galego ás que tan pouco caso lles facemos decote” pero que son unha excepcional mostra do importante legado e pervivencia profunda do románico nesta zona de Galicia. “Unha tras outra foron aparecendo diante da cámara de Soledad e agora estarán todo o ano en centos de casas”.
Santiago de Mens, Santiago de Cereixo, Santa Baia de Tines, San Miguel de Treos, San Fins de Anllóns, Santiago de Traba, Santo Antoíño de Baíñas, Santa Mariña, Santa María de Xaviña, Santa Baia de Tines, San Mamede de Seavia e Santa Mariña de Tosto compoñen o singular mostrario escollido por O Sorriso de Daniel para cruzar este ano. O almanaque pode atoparse en varios establecementos de Santiago e Vigo ou pode pedirse contactando directamente coa asociación.