Así foi a ponte medieval do Burgo de Pontevedra
“No ano 1669, o arquitecto e pintor barroco italiano, Piero María Baldi, realizou unha viaxe por Europa creando un conxunto de debuxos e panorámicas detalladas, case fotográficas, das cidades e lugares por onde pasou. En Pontevedra, detalla pormenorizadamente a cidade daquela época, a muralla defensiva, o cárcere, a entrada fortificada con dúas torres e a bóveda medio caída, os escudos de armas e a cidade medieval ó fondo”.
Baseándose, precisamente neses debuxos así como na interpretación e asesoramento destes por parte de historiadores especializados no momento histórico, o Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) ven de reconstruír con infografía 3D o aspecto que tería na Idade Media a histórica ponte. O traballo está dirixido por Carlos Paz baixo a revisión de Miguel Al Cajigal do Departamento de Urbanismo Histórico da USC.
Segundo a empresa, a Ponte do Burgo foi posiblemente “a ponte medieval máis relevante de Galicia dende o punto de vista histórico”. “Aínda que hoxe está moi desvirtuada pola evolución da cidade, coa perda das portas e súa faciana medieval, preserva total operatividade dos seus elementos sustentadores, cumprindo perfectamente a función para a que foi construída”.
O CIAG é un proxecto que une infografistas, debuxantes, arqueólogos, informáticos, arquitectos e historiadores, para levar a tarefa da restitución e reconstrución dixital do patrimonio arquitectónico histórico desaparecido de Galicia. Aplicando as últimas técnicas infográficas e con recursos dixitais en 2D e 3D pretende pór a disposición do público un novo material visual que devolva vida a este patrimonio perdido.

Ponte de Pontevedra segundo a CIAG
A “Pontis Veteris”
A Ponte do Burgo de Pontevedra é a razón de ser da cidade e dálle nome de feito. A construción da ponte dataría de época romana cando o lugar era atravesado pola vía XX. No lugar atoparíase a mansio Turoqua, achándose en escavacións da zona transpontem restos arqueolóxicos que farían referencia a esta. A ponte romana sería substituída no século XII, por unha nova que segundo os investigadores se construiría á beira da romana dando lugar así a denominación de Pontis Veteris.
A primeira referencia sería Esta ponte dataría do ano 1165 cando Fernando II de León e Galicia e Afonso de Portugal asinan a pax super flumen Lerice pontem. A ponte nova constaría de 15 arcos e dous estribos nun conxunto duns 30 metros, lixeiramente máis amplo que o actual. Sería bastante similar á vista de Pontevedra de Pier María Baldi de 1669. Nela vese unha ponte deste número de arcos nunha Pontevedra amurallada e un amplo barrio superpontem separado cun arco do propio paso que seguramente se correspondería cunha torre destruída en 1805.