Así foi a última manifestación pola devolución da Casa Cornide, mentres continúan as sospeitas de baleirado
O pasado domingo día 27, ás 12.30 da mañá e en medio das festas de Nadal, máis dun cento de persoas congregábase ós arredores da Casa Cornide para esixirlle á Familia Franco a devolución do histórico inmoble. Facíano de urxencia despois de que nesa mesma semana varios residentes da Cidade Alta deran a voz de alarma pola presenza dun furgón presumiblemente de mudanzas saíndo reiteradamente da edificación.
A manifestación, baixo o lema ‘A Casa Cornide é da Coruña. Devolución, xa’, foi convocada pola Asociación de Veciños da Cidade Vella e pola Plataforma en Defensa do Común. A organización reiteroulle ó Concello da Coruña a necesidade de presentar unha denuncia xudicial “para investigar se roubaron obxectos en Casa Cornide nos últimos días”.
Tamén na urxencia de formalizar a demanda xudicial “para que o pazo retorne á cidade da Coruña”, que leva tempo en preparación e na que se pretendería demostrar que a adquisición da casa pola familia do ditador foi unha “operación de Estado que se organizou durante varios anos”, para rematar “nunha poxa previamente amañada” que levou a vivenda de Barrié a Carmen Polo.
- Manifestación fronte a Casa Cornide / foto Plataforma en Defensa do Común
- Manifestación fronte a Casa Cornide / foto Plataforma en Defensa do Común – AVV Cidade Vella – Podemos Coruña
- Manifestación fronte a Casa Cornide / foto Plataforma en Defensa do Común – AVV Cidade Vella – Podemos Coruña
- Manifestación fronte a Casa Cornide / foto Plataforma en Defensa do Común – AVV Cidade Vella – Podemos Coruña
Ó final do acto falaron o xornalista e escritor Manuel Rivas e o arqueólogo, ex director do Castelo de San Antón e profundo coñecedor do patrimonio histórico-arquitectónico de Galicia, Felipe Senén.
Denuncian novamente a presencia de furgóns na Casa
Ademais o pasado día 30 a plataforma cívica Defensa do Común pediu vixilancia na Casa Cornide da Coruña para “impedir o espolio dun ben público”. Denunciaban a presenza de novo de furgonetas na casa, e da que veciños da zona terían tomado novas fotos mesmo con mobles no seu interior.
No escrito, dirixido á Subdelegación do Goberno na Coruña e a alcaldesa Inés Rei, pídese vixilancia da casa e denúnciase a ”permisividade e indiferenza, consciente ou inconsciente, dos organismos competentes”. Defensa do Común confía en que as autoridades competentes “asuman o seu papel para impedir o espolio dun ben públicomentres o inmoble non se catalogue como BIC”.