fbpx
Cruz de tipo celta no monte de Santa Tegra, na Guarda / galiciacelta.com

Como recoñecer e protexer o patrimonio dos ríos

Tempo de lectura: < 1 min.

Presas, encoros e ríos ocupan unha parte importante do noso territorio. Ao seu carón emerxeu un vizoso patrimonio que forma parte do noso imaxinario cotián que non sempre é ben recoñecido. Sobre ese patrimonio cultural formado por muíños, lavadoiros, batalláns e demais exemplos deste tipo de bens afonda a última publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) A posta en valor do patrimonio cultural dos ríos: Galicia e outros exemplos.

A publicación recolle unha serie de relatorios que ofrecen unha nova ollada sobre o territorio a partir de diferentes experiencias relacionadas cos espazos naturais e a súa conexión por corredores fluviais e infraestruturas verdes. O texto, coordinado por Carlos Nárdiz, está dividido en dúas partes. A primeira parte céntrase no patrimonio cultural e na paisaxe dos ríos. Diferentes artigos centran o caso de experiencias de explotación e xestión patrimonial das ribeiras dos ríos Texo en Estremadura, Tyne en Newcastle e mais o caso da zona de Segovia e Valladolid. O obxectivo pasa por dar a coñecer as estratexias adoptadas noutros casos tanto para a documentación deste tipo de patrimonio coma para a súa recuperación e posta en valor.

A segunda parte pretende poñer en valor o patrimonio cultural dos ríos de Galicia. Comeza coa difusión do traballo de inventariado feito por Augas de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil máis cinco relatorios que amosan as diferentes realidades patrimoniais ao longo do territorio galego. Esta publicación recolle os relatorios dunha xornada homónima desenvolvida en 2018.

Pode que che interese...