Está en perigo o chamado “peirao fenicio” da Covasa en Ribeira?
A polémica está a acompañar dende o mes de decembro un dos proxectos máis importantes de intervención sobre un peirao histórico galego. É o chamado “peirao fenicio” da Covasa en Aguiño, Ribeira. Trátase dun peirao de especial antigüidade que será restaurado por iniciativa do Concello e que, segundo denuncian, podería sufrir os efectos dunha intervención inadecuada.
O peirao, que para moitos expertos podería datar do século XVII, mentres para outros podería incluso ser da época romana ou fenicia, será obxecto de obras de restauración. Foi tras o período de exposición pública do proxecto cando un arqueólogo presentou alegacións nas que se recollen graves deficiencias no proxecto de restauración.
E é que, como xa contabamos no mes de setembro, trátase dun proxecto de restauración promovido polo Concello de Ribeira coa colaboración de Costas. As obras foron encargadas á consultora Barefar Ingeniería coa redacción dun proxecto técnico asinado polo enxeñeiro de Camiños, Francisco Barea Paz. Contaría cun orzamento de 84.535 euros e un prazo de execución de cinco meses dende o inicio das obras.

Porto da Covasa en Ribeira / foto Turismo.gal
A memoria histórica recollida dun portal de internet
O obxectivo era consolidalo, restauralo e poñelo en valor. Porén, tras a exposición pública do proxecto, o que debería ser un mero trámite administrativo converteuse nunha sonada polémica. Pois, tal e como recolleu en decembro o xornal El Correo Gallego, “un profesional da arqueoloxía de recoñecido prestixio”, denunciou nas alegacións ó proxecto importantes erros e falta de rigor.
Nesta alegacións advertíase de que o proxecto non recollía a situación real do peirao, omitindo os últimos traballos de acondicionamento da zona. Denúnciase, ademais, unha falta de rigor na información, así como a ausencia dun procedemento de investigación histórica sobre o elemento. Afírmase que a información histórica non ten “ningunha fiabilidade contrastada” e mesmo “recóllense dun portal de internet”.
Denúnciase tamén que o proxecto “salta todas as recomendacións internacionais de salvagarda e criterios de intervención”, como o feito de traer pezas para reconstruílo dende unha canteira próxima. Denúnciase o que podería ser unha transformación “abusiva” que podería danar a súa autenticidade, “introducindo engadidos que poden inducir a erro e falseando a realidade”.
A responsabilidade do Concello
É precisamente a raíz destas alegacións e do seu impacto nos medios que o grupo político PSdG de Ribeira, a través do seu concelleiro José Vilas, decidiu presentar ó pleno da Corporación un rogo sobre a futura reconstrución do peirao da Covasa. Dende o grupo político solicitan ó alcalde, Manuel Ruiz, que informe “de forma veraz” da situación deste expediente de restauración, así como “dos pasos seguidos ata o de agora, dende o acordo plenario no seu día”.

Porto da Covasa en Ribeira / foto USC
Ademais o grupo formulou preguntas como as medidas que tomará o Concello de Ribeira, ante as alegacións feitas polo arqueólogo; se se vai esixir un traballo previo de investigación histórica; se o Concello “ten datos fehacientes sobre a realización de dita obra” ou a “quen corresponderá realizalo estudo histórico e cando se levará a cabo a obra”.
Un dos peiraos máis antigos de Galicia
Situado na parroquia de Aguiño, nun pequeno porto natural o antigo peirao da Covasa foi identificado por historiadores como un dos máis antigos da zona. Como dicimos, as súas orixes oscilan para os especialistas entre o século XVII, ou unha orixe moi anterior, mesmo romano ou fenicio. Mais o certo é que a Covasa é un dos enclaves patrimoniais máis antigos da ría e un lugar de especial importancia para entender a historia dos portos galegos.
Aproveitando un esteiro natural, cunha lonxitude duns trinta metros e composto por tres fiadas de grandes pedras de cantería sobre unha máis de cimentación, o da Covasa é un dos portos que prestan máis interrogantes ós investigadores pola súa feitura e datación. O peirao atópase nun alto estado de deterioro con partes completamente derrubadas o que motivou as obras. A memoria de obras pode consultarse na web do Ministerio.