fbpx
Pena Escorredía / foto Colectivo A Rula

Este é o misterio da Pedra Escorredía de Montouto. Unha pedra ritual de fertilidade?

Tempo de lectura: 3 min.

O pasado 15 de xaneiro o Colectivo A Rula daba a nova: acababan de aparecer unha vez máis novos petróglifos no entorno da cidade de Santiago de Compostela, uníndose a longa nómina de gravados da Idade do Bronce que se están a atopar na zona nos últimos anos. Os achados, catro novas estacións nos Tilos, Teo, foron achados por unha colaboradora do colectivo mentres estaba a recoller cogomelos.

Pero esta vez o achado ten unha particularidade máis. Pois todos estes novos petróglifos atópanse moi preto da chamada Pedra Escorredía de Montouto. Dúas destas catro estacións na mesma aba do monte no que se atopa a pedra. Mais, que é esta pedra? Cales son as súas tradicións e a súa orixe? É unha pedra de fertilidade? O propio colectivo nolo explica.

Unha pena escorregadiza

Pois a Pena Escorredía de Montouto e unha das moitas pedras chamadas penas escorregadizas ou escorredías Trátase, neste caso, “dun enorme macizo granítico que presenta unha forte pendente nun dos laterais e que foi empregada como tobogán dende tempos inmemoriais pola veciñanza da contorna”.

Pena Escorredía foto Colectivo A Rula

A pedra presenta “unha importante zona desgastada e case lisa polo rozamento das miles de persoas que teñen descendido por esta superficie” que é posible ver a simple vista. Tal e como lembran dende o colectivo, no caso desta pena “consérvanse fotografías antigas da rapazada deslizándose pola peneda”.

Mais non só rapaces, senón tamén xente adulta. A xente achegábase a ela logo de asistir á romaría das Cabezas do Raxó, deslizándose pola pendente. Tamén o fixo na súa visita co Colectivo o investigador Martín Almagro Gorbea que visitou o lugar e incluíu a pedra nun inventario das grandes rochas, que el designa como peñas sacras”, desenvolvido en diferentes rexións españolas.

Pedras rituais arroupadas de petróglifos

Segundo o investigador a Pedra Escorredía formaría parte desta tipoloxía de pedras escorregadizas, espalladas por toda a xeografía peninsular con diferentes denominacións. Arrastraculos en Toledo, “resbalinas” ou “resbaladeras” en Zamora, “pandero de las mozas” en Ávila…, todas elas estarían asociadas, segundo ós investigadores a antigos rituais de fertilidade desenvolvidos dende a Prehistoria.

Almagro, ademais prognosticou ó Colectivo que era “mais que probable a aparición de laxes gravadas na contorna da Pena Escorredía”. Isto acontecería tan só un ano despois. Mais non é o único caso. Pois, como contan dende A Rula, isto tamén acontece noutras penas escorredías teenses. Entre elas se atopan o petróglifo da Laxe da Estivada de Mallos en Teo ou o petróglifo do Chan do Pouso ou na área arqueolóxica do Monte Piquiño, Luou.

Detalle da Pena Escorredía / foto Colectivo A Rula

Así, tal e como apuntan coa descuberta destes novos petróglifos, “estas novas descubertas testemuñan a ocupación destas chairas, previas ó alto de Montouto, polas primeiras sociedades prehistóricas que habitaron esta zona do concello de Teo”.

Trátase de “gravados relacionados con actividades de carácter ritual, relixioso ou se cadra simples fitos espaciais en lugares de tránsito empregados dende a Prehistoria ata os nosos días”. “Probablemente no futuro debamos procurar maior atención a esta zona teense que ata agora tiñamos bastante esquecida”.

Vista aérea da Pena Escorredía / foto Colectivo A Rula

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...