fbpx
Torre de Meira, estado previo / foto patrimoniogalego.net

Moaña recuperará a Torre de Meira, a fortaleza sobre a ría de Vigo derrubada polos Irmandiños

Tempo de lectura: 2 min.

Unha antiga fortaleza medieval localizada no cume dun monte sobre o que se dominaba toda a ría de Vigo. Esta é a chamada Torre de Meira, as ruínas dun antigo castelo derrubado entre 1467 e 1469 polos Irmandiños e que o Concello de Moaña quere recuperar.

E é que o Concello acaba de aprobar un proxecto de escavación, rehabilitación, sinalización e mellora para o monumento. A obra foi contratada coa empresa Árbore Arqueoloxía S. C. cun orzamento de 14.786,20 euros, dos que 11.200 serán financiadas pola Deputación de Pontevedra e o resto polo Concello.

Detalle do estado actual da Torre Meira / foto patrimoniogalego.net

Trátase de volver escavar as áreas estudadas no ano 1975 pola Instituto Padre Sarmiento e publicado no Boletín Auriense o ano seguinte, así como  ampliar a intervención cara á zona onde tería situado a porta de acceso á fortaleza. Máis tarde restauraríase e consolidaríase a parte conservada do complexo, sinalizando tamén, con paneis explicativos, o lugar, indicando a importancia do enclave e a súa historia.

Unha torre sobre a ría derrubada polos Irmandiños

Situada nun alto a 140 metros de altitude sobre a ría de Vigo a Torre de Meira foi unha fortificación das familias Meira e Valadares para exercer o seu dominio na zona. A torre sufriu asedio durante as Segundas Guerras Irmandiñas (1467-1469), derrubada en boa medida. Mais foi Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga, quen a destruiría finalmente no ano 1476.

Dende aquela a torre mantívose  como ruína. Sobre o lugar recaen varias mitos e lendas como as que falan dunha cova cunha ola de ouro e outra de veleno, galiñas de ouro, batallas e mesmo mouras. A torre foi escavada no ano 1976, atopándose material cerámico metálico, ósos e outros materiais depositados no Museo de Pontevedra.

Pode que che interese...