Unha nova oportunidade para traballar na xestión da cultura local?
Contribuír á profesionalización do traballo municipal coa contratación de persoal técnico de xestión cultural nos concellos e coa contratación de persoal en museos e centros de interpretación. Este é o obxectivo dunha nova convocatoria da Deputación da Coruña que suporá un investimento de preto de 1,2 millóns de euros.
A profesionalización das áreas de cultura municipais e a creación de emprego no sector son os obxectivos principais da liña de axudas para a contratación. Trátase dunha convocatoria á que se dedica un orzamento de 770.000 € e á que se lle engadirá en breve a de contratación de persoal en museos e centros de interpretación que sumarán 400.000 € euros.
Deste xeito a área de Cultura da Deputación da Coruña colabora cos concellos na xestión profesional e de calidade da acción cultural municipal nun ano de especial relevancia para a recuperación do sector afectado pola pandemia. Esta primeira convocatoria diríxese ó mantemento ou creación de postos de traballo de persoal técnico, tanto en xestión cultural como en animación sociocultural á que se sumará a de persoal de museos.

Castelo de Vimianzo / vimianzo.gal
As bases buscan contribuír á mellora no recoñecemento do perfil profesional nos postos de traballo existentes. Mais tamén definir os requisitos, coñecementos formativos, funcións e categorías profesionais para os casos en que os concellos procedan á creación de novos postos de traballo.
“Dende a área de Cultura queremos contribuír á profesionalización das áreas de cultura. Tamén promover boas prácticas na acción cultural que son máis urxentes neste momento, cando a aparición da pandemia provocou unha importante crise no sector”, sinala o responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

Dolmen de Dombate / turismo.gal