fbpx

Podería correr a mesma sorte o histórico Cine Avenida da Coruña que a Casa Carnicero?

Tempo de lectura: 4 min.

Mais de 13 anos detrás dunha lona que anuncia un banco. Así se atopa un dos edificios máis singulares do arquitecto Rafael González Villar e un dos máis significativos da tipoloxía dos cines en Galicia. O Cine Avenida, no Cantón Grande da Coruña é unha das xoias da última etapa do xenial arquitecto na súa época máis xenuinamente decó, ou racionalista-decó. Porén leva anos de abandono nun dos emprazamentos máis caros da cidade.

O gran cine da Coruña

E é que con ata 30 metros de altura –similar ó Banco Pastor, e moi por enriba da dos seus veciños-, 16 metros de fachada, 50 de fondo, 766 de superficie en total e 438 m. de cine, ademais de preto de 900 butacas ó Cine Avenida da Coruña foi un dos máis vangardistas da cidade. Na súa inauguración, no ano 1941, no só era o cine máis grande senón tamén o mais moderno e un dos de deseño máis innovador.

O cine tratábase, posiblemente, da obra cumio da época decó ou racionalista-decó do arquitecto, desenvolvida dende comezos da década de 1930 ata o seu pasamento, no mesmo ano de inauguración deste edificio. Tratábase dunha singular tipoloxía que unía sete andares de vivenda ó pé da fachada, a chamada “casa da renda”, e un gran cine na súa parte posterior, a sala de cinematografía.

Entrada do Cine Avenida no Cantón Grande nunha postal da cidade

Unha xoia decó

A súa carta de presentación era un despacho de billetes curvo que daba acceso o que podería considerarse a primeira galería comercial moderna de Galicia, aberta ó Cantón e con pequenos establecementos comerciais arroupando ó acceso cara a sala. Un singular hall de mármores e xaspes configuraba unha dobre entrada guiada por liñas curvas rotas e secantes, un excepcional xogo xeométrico entre o racionalismo, en auxe na época, e un decó que nada tiña que envexar ós grandes centros europeos.

O xogo de liñas continuaríase tamén no seu excepcional interior. Tamén na fachada, paradigmática do arquitecto nesta época, moi semellante a outros edificios como o 1 e 3 da Avenida Fisterra. Un xogo plástico que empregaba como motivo a fiestra corrida e as fornas semi-exagonais e que se coroaba cunha gran espadana semi-octogonal e retro-moldurada de singular plástica decó.

O cine Avenida nunha postal histórica da cidade da Coruña

De Amancio Ortega a Abanca

O Avenida era un dos grandes edificios do Cantón coruñés e un dos grandes atractivos da modernidade na cidade antes e despois da Guerra. A lembranza das súas carteleiras pintadas a man ou do acubillo da súa entrada ó redor do despacho de billetes é un recordo vívido para moitos coruñeses.

O cine permaneceu máis de cinco décadas en funcionamento e como a gran maioría deste tipo de salas viuse forzado ó peche no ano 1997. Foi nese momento cando a historia do gran cine da cidade mudou e cando comezou o seu progresivo deterioro que se prolonga ata a actualidade.

Pouco despois do seu peche foi mercado por Amancio Ortega que o mantivo dentro da súas empresas case unha década, ata o ano 2007. Foi daquela cando foi mercado pola Fundación Caixa Galicia co obxectivo de rehabilitalo para oficinas e usos culturais. Mentres tanto foi cuberto temporalmente por unha lona.

Cine Avenida nos 60, foto histórica da cidade

Porén durante boa parte deste tempo ficou protexido polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) da Cidade Vella e Pescaría, con protección de nivel II, é dicir, de excepcional valor arquitectónico e cultural, o que impide, entre outras cousas, a redistribución dos espazos. O edificio ostenta esta protección dende o ano 2012.

Unha rehabilitación ou un futuro semellante ó da Casa Carnicero?

Porén, nin esta protección, nin a súa excepcional situación no corazón económico e cultural da cidade serviron para incentivar a recuperación do edificio chegando a estar, de feito a piques de rebaixar da súa protección a estrutural. Foi durante o mandato do popular Carlos Negreira cando a alcaldía rebaixou  a súa protección ó nivel III.

Inicialmente foi aceptada pola Dirección Xeral de Patrimonio, para máis tarde cambiar de opinión, e quedarse no nivel actual. Abanca levou ós tribunais a decisión chegando mesmo ó Tribunal Supremo, que obrigou a compensar economicamente ó banco pola perda de edificabilidade.

Interior do Cine Avenida no ano 2010

Case un cuarto de século despois do seu peche o edificio continúa tapado por unha lona publicitaria, e continúa a deteriorarse día a día. Ó longo destes anos o banco xa tivo que solicitar diferentes expediente de deficiencias e ruína e desenvolver derrubamentos puntuais para manter a seguridade do edifico. Mesmo sufriu interiormente un incendio.

Porén 12 anos despois de ser mercado o banco, no ano 2019 Abanca presentaría un proxecto para a súa rehabilitación que se atopa na actualidade en tramitación por parte do Concello. A  función á que será destinada non transcendeu ós medios.

De igual xeito que a Casa Carnicero, do mesmo arquitecto, o Avenida atópase nun lugar privilexiado, na milla de ouro, e, do mesmo xeito que esta, o cine leva décadas de agarda, tras dun gran cartel publicitario. Porén a rehabilitación podería ser o final da longa agonía do edificio.

Cine Avenida na actualidade tras unha lona / foto HdG

Para saber máis: Poden consultarse as diferentes publicacións de Antonio Garrido Moreno sobre o arquitecto. Pode consultarse tamén o PEPRI da cidade e sobre os diferentes acontecementos no banco os artigos de La Opinión da Coruña e sobre memoria o artigo de La Voz de Galicia ou sobre os cines históricos da cidade os artigos de El Español e El Ideal Gallego.

Pode que che interese...