fbpx
Concentración na Fonte do Abade de Oseiro / foto Alternativa dos Veciños Arteixo

Que está a acontecer coa fonte do Abade de Arteixo?

Tempo de lectura: 2 min.

Seca e localizada entre dúas rúas, unha delas unha das estradas con máis tráfico do concello. A Fonte do Abade, en Oseiro, Arteixo, leva 20 anos agardando pola súa recuperación. Son os mesmos que os seus veciños a levan demandando.

É por isto que na mañá do pasado día 30 de decembro un grupo de veciños das asociacións AAVV San Tirso de Oseiro e AAVV Manuel Murguía, concentrábase á beira da Fonte do Abade para solicitar ó concello o seu traslado.

“Atendendo a actitude e a desidia do equipo de goberno, non queda outra que saír á rúa para solicitar que leven a cabo obras que xa deberían estar realizadas hai décadas. O concello conta con todos os permisos necesarios e, tamén ten os orzamentos aprobados desde hai máis de 2 anos para a execución desta obra”, comentaban.

Concentración na Fonte do Abade de Oseiro / foto Alternativa dos Veciños Arteixo

E é que no ano 2019 o Concello prometera o seu traslado, ademais de crear unha pequena praza na zona. A fonte na estrada que conecta A Coruña coa rotonda de Sabón quedou ó mesmo pé do asfalto e atópase a día de hoxe ennegrecida polos fumes e a humidade, así como moi deteriorada.

Dende as asociacións de veciños pediuse nun primeiro momento a recolocación da mesma no propio lugar, algo afastada da estrada e aproveitando a pendente da zona, coa creación no lugar dun pequeno xardín. Mais tarde aceptouse a idea do seu traslado a uns terreos non moi lonxe tras e a cesión da mesma ó Concello por parte da empresa propietaria dos terreos. O traslado, orzamentado xa no ano 2019, segue sen executarse.

Pode que che interese...