Que foi do proxecto de musealización do desaparecido castro de Punta Langosteira? | Historia de Galicia
Recreación do centro de interpretación do castro de Punta Langosteira / creusecarrasco.blogspot.com

Que foi do proxecto de musealización do desaparecido castro de Punta Langosteira?

Tempo de lectura: 3 min.

En febreiro de 2017 contábamos en profundidade no noso medio a historia dun dos castros máis importantes de Galicia que desapareceu para sempre coas obras do Porto Exterior da Coruña. Como recollíamos no artigo, tratábase dun dos castros máis excepcional de Galicia, un castro aberto ó mar, cun singular urbanismo, dunha especial antigüidade e o que podería ser un dos grandes centros metalúrxicos peninsulares da Idade do Ferro.

O castro chamaba a atención pola súa disposición e mesmo para algúns expertos podería ser un gran porto comercial parangonable cos do Mediterráneo. O castro tivo outra característica singular, foi un dos poucos castros escavado practicamente na súa integridade de Galicia en un único momento, con ó redor de 5.500 metros cadrados, iso si, antes de desaparecer baixo as máquinas.

Imaxe aérea do castro de Punta Langosteira, agora, inexistente / www.fomento.gob.es/

Un proxecto a escala 1:1 do xacemento

E é que por mor do Interese Xeral, como é un Porto de Interese do Estado, o castro desapareceu para sempre. Foi escavado polo Ministerio, sendo o director das obras, Juan A. Cano Pan. Tras a escavación del se conservaron preto dunhas 23.000 pezas, das que 9.687 foron inventariadas, foron gardadas para unha futura exposición.

O obxectivo sería, segundo o Plan Especial do Porto, facer un centro de interpretación do desaparecido xacemento nun lugar non moi alonxado para expor de xeito ordenado os materiais atopados e facer unha reconstrución en escala 1:1 de parte das estruturas do xacemento. Trataríase de divulgar o que tería sido, con toda probabilidade, un dos lugares máis importantes da cultura galaica.

Obras no porto exterior da Coruña que destrozaron un dos castros máis antigos de Galicia, situado en Punta Langosteira / elconfidencial.com

Do peirao de Oza ó Monticaño

Pero, que foi desa promesa? Fai preto dunha década que debería estar inaugurado o espazo expositivo do castro de Cociñadoiro ou de Punta dos Muros, que se atopan almacenados nunha nave do peirao de Oza do porto coruñés. No ano 2010 convocouse un concurso de ideas para o proxecto do museo, gañado polo estudio Irisarri e Piñera Arquitectos cun proxecto finalizado en 2012 e que debería estar rematado o ano seguinte cun orzamento de 2,1 millóns de euros.

O museo estaría inicialmente pensado para situar ó mesmo pé do porto, na parroquia de Suevos. Máis tarde decidiuse para a súa localización o parque arteixán do Monticaño. Mais para desenvolver o proxecto precisábase a modificación do Plan Especial tramitándose autorización dende o Concello á Xunta.

Escavacións no castro de Punta Langosteira, un dos máis antigos de Galicia, antes de ser destrozado polas obras do porto exterior da Coruña / manuelgago.org/blog

Un proxecto sen ningún horizonte

En que punto se atopa agora o proxecto? O certo é que non se sabe con exactitude. De feito tal e como publicou o pasado día 5 o xornal La Opinión da Coruña, á consulta do medio ó novo presidente do porto Martín Fernández Prado sobre o futuro do museo, obtívose como resposta dende a institución que “a Autoridade Portuaria e o Concello están analizando posibilidades”. Segundo o medio tampouco se aclarou o paradoiro actual das pezas.

Do que si se sabe é dunha partida de ó redor de 200.000 euros no ano 2019 para desenvolver o proxecto, lonxe dos 2,1 millóns de euros orzamentados para o museo. O que si é certo é que tres lustros despois de que as obras do porto ameazaran coa desaparición dun dos castros máis importantes dos que se teña coñecemento en Galicia dende as administracións non se dá ningunha solución. O importante xacemento desaparecido baixo as escavadoras para deixar lugar a un porto mantense nun completo esquecemento.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: