fbpx
Led / foto kalhh CC0

Unha nova iluminación capaz de protexer a pedra?

Tempo de lectura: 2 min.

Unha iluminación ornamental intelixente e capaz de protexer o patrimonio. Este é o obxectivo de Biolumen un proxecto piloto de iluminación intelixente que o Consorcio de Santiago pretende aplicar á fachada da Casa do Cabido na praza de Praterías de Santiago de Compostela.

Trátase dun sistema de alumeado ornamental para a conservación do patrimonio que está a desenvolver a sociedade Televés S.A., en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a empresa Ferrovial. Sería unha solución piloto de alumeado que a través de tecnoloxía LED permitiría inhibir o crecemento de microorganismos no patrimonio da cidade ademais de conseguir unha mellor e máis eficiente iluminación dos edificios.

Utilizando iluminación ornamental e intelixencia artificial para o mantemento preventivo da colonización biolóxica, segundo o Consorcio, conseguiríase reducir o custo de electricidade de iluminación pública ornamental nun 80% anual. Tamén aforrar o 20% en gastos de conservación, mantemento e restauración de fachadas do patrimonio da cidade a través da capacidade bioestática desta iluminación.

Casa do Cabido iluminación actual / foto Turismo de Santiago

Ademais sería unha tecnoloxía “idónea para a integración arquitectónica nun entorno Patrimonio Mundial, cun impacto arquitectónico mínimo ou nulo”, ó inserirse facilmente cos edificios de alto valor. Con esta tecnoloxía promoveríase tamén a sustentabilidade ambiental ligada á fabricación e xestión da iluminación, seguindo un modelo de economía circular.

A experiencia piloto de Biolumen forma parte do proxecto Smartiago, que se desenvolve ó abeiro dun acordo de colaboración da Liña FID (Promoción da Innovación a Demanda) entre o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Santiago de Compostela. Está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa operativo plurirrexional de España 2014-2020. Tamén está co-financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) nun 10%.

Pode que che interese...