10 itinerarios para coñecer o legado de Afonso X en Galicia | Historia de Galicia
Castelo de Andrade / foto turismo.gal

10 itinerarios para coñecer o legado de Afonso X en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Neste 2021 cúmprense 800 anos do nacemento de Afonso X. Para celebrar a efeméride, como xa contamos, o Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela organizaron na igrexa da universidade a exposición “Afonso X e Galicia”, comisariada por Antoni Rossell.

Ademais desta mostra o Consello da Cultura quere celebrar a efeméride con outras iniciativas. Unha delas é a organización dunha serie de roteiros que percorren o patrimonio galego relacionado co legado afonsino. Cada xoves subirase á web do CCG un novo itinerario deseñado por Antoni Rossell.

Trátase de oito roteiros xeográficos e culturais por Galicia que percorren espazos que gardan legado medieval relacionado con Afonso X en forma de documentos, códices, pezas, esculturas moedas, xoias ou calquera outro formato. Os roteiros contarán con textos do historiador da arte Victoriano Nodar, doutor en Historia da Arte pola USC, especialista en escultura románica das vías de peregrinación.

Afonso X nunha miniatura das Cantigas / foto Consello da Cultura Galega

Do Castelo de Nogueirosa á igrexa de Santiago da Pobra do Caramiñal

Precisamente o primeiro destes roteiros foi presentado a través da web o pasado xoves. Trátase dun itinerario que percorre o occidente da provincia da Coruña, dende o castelo de Nogueirosa en Pontedeume ata a igrexa de Santiago do Deán na Pobra de Caramiñal.

Este itinerario percorre o territorio máis vinculado ó mar e ós ricos ecosistemas da ribeira que asistiron a un novo nacemento urbano no século XIII e que foi favorecido por reis como Afonso X. Na ruta visitaranse lugares que naceron gracias á influencia e a fundación do monarca, como vilas mosteiros e igrexas.

Un percorrido por máis de 214 quilómetros no que pode visitarse monumentos como a vila de Pontedeume, San Xoan de Caaveiro, o mosteiro de Monfero, o Museo das Mariñas en Betanzos, o Castelo de Aranga ou a igrexa de Santiago do Deán na Pobra de Caramiñal. O itinerario está pensado para recorrerse en coche, iso si cando as restrición pola Covid o permitan. Mañá xoves presentarase o segundo dos roteiros.

Mosteiro de San Xoan de Caveiro / Foto turismo.gal


Para saber máis: pode consultarse a web do Consello da Cultura Galega.


 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: